Presentada unha nova edición do Certame Literario Alberto Romasanta

A semana pasada presentouse unha nova edición (a XXVIII) do Certame Literario Alberto Romasanta, organizado polo IES Virxe do Mar e polo IES Campo de San Alberto (os dous centros de Noia), contando co apoio do IES Poeta Añón (Outes) e o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame).

No acto participou o alcalde noiés Santiago Freire, quen felicitou aos centros organizadores polo seu “enorme traballo literario” e “por facer deste certame toda unha referencia na comarca”. Tamén convidou ao alumnado a participar nesta nova edición.

Lembrar que na convocatoria previa presentáronse 122 obras.

Poderán concorrer a este certame literario os alumnos e alumnas matriculados/as en calquera dos devanditos centros educativos no presente curso académico. As obras presentadas poden ser de relato e poesía, en tres modalidades de idade: para primeiro ciclo da ESO, para o segundo ciclo da ESO e para Bacharelato e Ciclos Formativos.