Os empresarios de Ribeira acordan crear un gabinete técnico de axuda e soporte no proxecto do novo polígono

A Asociación de Empresarios de Ribeira, a través do seu presidente Francisco Martínez Gude, informou da celebración, este mércores 15 de xuño na sede da patronal, dunha reunión informativa sobre os avances dados polo proxecto do novo polígono industrial do concello. Na devandita reunión deuse conta do estado e do desenvolvemento dos pasos dados e pendentes de dar coas diferentes administracións interesadas na execución do polígono. Amais, acordáronse entre os asistentes diferentes medidas para a materialización definitiva do proxecto.

Informouse das diferentes mesas de traballo que se tiveron coas administracións implicadas, a Xunta, as diferentes Consellerías con competencias na materia, a Deputación da Coruña e o Concello de Ribeira.

Amais, acordouse entre os asistentes, por unanimidade e a proposta da directiva da Asociación, crear un gabinete técnico de axuda e soporte “que nos asista nas futuras negociacións, que aclare as dúbidas que poidan xurdir e que sirva de apoio no desenvolvemento de todas e cada unha das iniciativas de execución do proxecto”.