O sonense Carlos José Lorenzo completou o percorrido de Os 100 do Barbanza en 10 horas e 18 minutos

29 Xuño 2022

Finalmente, tal e como se viña prognosticando dende hai meses, a sétima edición da proba Os 100 do Barbanza (celebrada esta fin de semana pasada con inicio ás 16.00 horas do sábado) pasou á historia deportiva da nosa comarca. Fíxoo por varios motivos: pola participación acadada (250 persoas inscritas), polos concellos implicados (todos os da nosa comarca) e polos tempos acadados polos deportistas participantes. Neste último punto destacou especialmente o sonense deixou unha nova marca, completando os 100 quilómetros en 10 horas e 18 minutos.

O segundo foi o boirense Arturo Piñeiro cun tempo de 11 horas e 24 minutos; e o terceiro, con 12 horas e 16 minutos, resultou ser Francisco Méndez, de Bertamiráns. No capítulo feminino, as máis destacadas foron Elena Domínguez, do Barco de Valdeorras, cunha marca de 16 horas e 30 minutos; e Paula Fernández, cun tempo de 16 horas e 31 minutos.

Segundo coincidiron participantes e organización (Club Deportivo Internacional Trekkers Barbanza-Sar), foi unha edición especialmente dura na que non todas as persoas participantes puideron rematar o percorrido, de feito rexistráronse preto de medio centenar de abandonos. O evento tivo o seu remate no Pavillón Pilar Barreiro Senra de Lousame.

Sete concellos

Como dixemos, a cita contou este ano coa implicación dos sete concellos da Península do Barbanza: Lousame, Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro, Rianxo e Porto do Son, entidades ás que se sumou a Mancomunidade Barbanza Arousa. Os 100 dos International Trekkers é a primeira proba de Ultrafondo de Galicia.

O desafío

O desafío consiste en camiñar ou correr un percorrido sinalizado e balizado de 100 quilómetros por sendeiros, camiños, pistas e corredoiras polos sete concellos do Barbanza en menos de 24 horas. Os participantes, camiñantes ou corredores só fan breves paradas nos avituallamentos, polo que están en marcha de continuo.

Foi como dixemos a sétima edición da proba, logo das convocatorias de 2014 co concello de Boiro como anfitrión, a do 2015 no de Rianxo, no 2016 na Pobra do Caramiñal, no 2017 en Noia, no 2018 en Ribeira, e no 2019 no Porto do Son. Por mor da situación sanitaria non se celebrou nos anos 2020 e 2021. Nas últimas edicións participaron case 300 persoas e remataron un 80% delas, “o que amosa o nivel de desafío que supón esta proba, unha das más duras do circuíto galego e español”, explicaron dende o Club Trekkers Barbanza Sar, engadindo que a subida acumulada desta edición foi de de 3.000 metros.

Trátase dun evento concibido para percorrer lugares senlleiros e destacados da xeografía do Barbanza e poñer así en valor os atractivos turísticos da comarca, dende castros, como o de Baroña, o Barbudo ou os Castelos de Vitres, petróglifos coma a Pedra da Serpe en Bealo, ou miradoiros como A Muralla, A Curota ou o miradoiro de Valle-Inclán, pasando por praias emblemáticas como a da Aguieira ou a de Baroña.

Os corredores tamén reivindicaron coa súa presenza lugares de interese cultural, como a antiga Fábrica de Papel de Domingo Fontán, o Curro das Canizadas, a Igrexa de San Vicente de Noal e sen esquecernos das mostras da arquitectura tradicional do Barbanza: 43 cruceiros, 3 pasais, e 75 hórreos de 23 parroquias nos 7 concellos.

A proba está organizada polo histórico Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar e colaboran os sete concellos do Barbanza, así como a mancomunidade Arousa Norte.

Máis información e inscricións na web dos Trekkers e na súa páxina do Facebook.

Outros artigos

O mozambiqueño Cheny Wa Gune estará este sábado en Rianxo

O músico mozambiqueño Cheny Wa Gune estará este sábado 26 de setembro en Rianxo no marco das celebracións do 10.º aniversario do pasamento de Fran Pérez "Nar", co patrocinio da Deputación da Coruña. A cita será ás 20.30 horas no Auditorio Municipal, e será un concerto...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.