O PBBI propón crear un cámping en Sálvora, impulsar o turismo mariñeiro e potenciar Coroso

O Partido Barbanza Independente, PBBI, presentou os detalles do seu Plan de Desenvolvemento Turístico Ribeira 2022, unha axenda na que leva varios traballando, da man de Miguel Ángel Vázquez Salgueiro, concelleiro da agrupación. Este proxecto que a plataforma cualifica de “pioneiro” ten como obxectivo principal “converter Ribeira en destino de referencia para o turismo creando paquetes para cumprir esta premisa”. Entre estes paquetes inclúese Ribeira un mar de luces, que é, segundo o PBBI, “a espiña vertebral deste plan” e outros proxectos secundarios, por exemplo a creación dun cámping na illa de Sálvora, unha randeeira turística na Pedra da Ra, paseos en barco pola ría, showcookings na praza do peixe e un plan integral para a praia de Coroso.

Illa de Sálvora con Aguiño en primeiro plano

Ribeira un mar de luces

Este proxecto conta con varias accións, aínda que a principal é a decoración das principais rúas e fachadas dos comercios locais con pequenos farois de tea iluminados. “Trátase dun proxecto piloto, que se instalará nas arterias principais do concello e que co tempo ampliará o seu cociente de actuación”, sinalan dende o PBBI, achegando unha relación das rúas a decorar:

1. Rúa Rosalía de Castro, na súa zona peonil.

2. Rúa Galicia, desde a entrada e incluíndo o aparcadoiro do Rueiro.

3. Praza da Porta do Sol (praza da Igrexa).

4. Praza do Concello.

5. Rúa Santa Uxía.

6. Rúa Manuel Lustres Rivas.

7. Rúa Pérez Galdos.

8. Rúa Brasil.

9. Rúa Concepción Arenal.

10. Rúa Ramón e Cajal.

No plan especifícase que “todo isto comezará cunha festa que se chamará A Festa da Iluminación, onde se lanzarán farois de tea biodegradábeis desde a praia de Coroso, facendo disto un espectáculo único en Galicia”.

Cámping na illa de Sálvora

Unha das propostas estrela do plan do PBBI para a illa de Sávora é “rehabilitar a súa antiga aldea”, así como a creación dun cámping semipermanente no verán. “A ausencia de aloxamento na illa provoca que os visitantes non decidan visitalo, cousa que si ocorre coas outras dúas illas que forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas”, sinalan dende a agrupación.

Randeeira turística na Pedra da Ra

No programa lémbrase que a Pedra da Ra figura “como un dos miradoiros máis bonitos de todo Galicia, é por iso que a colocación dunha randeeira turística na parte alta do miradoiro sería un éxito”. Poden verse exemplos triunfais noutros concellos, o que demostra o seu impacto económico sinalan.

O Miradoiro da Pedra da Ra

Paseos en barco pola ría

No programa proponse facer unha serie de embarcacións tradicionais con capacidade para 4 ou 6 pasaxeiros que queiran realizar paseos diúrnos e nocturnos por esta parte da ría. “Isto suporía unha alternativa laboral tanto para os mariñeiros como para a xente de Ribeira”, sinalan dende o PBBI.

Un proxecto en tres pasos: ver, elixir e cociñar

A agrupación fai saber tamén que “o concello de Ribeira ten unha das lonxas máis modernas de todo Galicia e para potenciar este emprazamento crearemos un produto único”. Deste xeito, o plan contempla un proxecto en “tres pasos” onde o usuario “poderá ver como chegan a porto os produtos do mar; logo desprazarase ao Mercado Municipal, onde as praceiras lle recomendarán o mellor xénero e finalmente subirá ao segundo andar do devandito establecemento e fará un showcooking aprendendo a cociñar os peixes e mariscos elixidos”.

A praia de Coroso

Plan integral para a praia de Coroso

O PBBI sostén que na praia de Coroso “existen certas deficiencias”, por exemplo “horarios reducidos dos socorristas, falta de limpeza, falta de roza e acondicionamento, o que repercute negativamente neste areal”. Por iso solicítase “facer un plan integral de melloras para a dicir praia, ademais de crear unha zona de merendeiros no remate da mesma, onde os usuarios poidan gozar dun lugar de sombra para comer e descansar durante as xornadas de calor”.