Mares Circulares entrega en Ribeira o seu distintivo ecolóxico e sustentábel a media ducia de buques

Os integrantes e impulsores do proxecto Mares Circulares, unha iniciativa a prol da pesca sustentábel e a retirada de lixo dos fondos mariños, mantiveron unha xuntanza de traballo a fin de semana pasada en Ribeira. Nela, a Asociación Vertidos Cero expuxo os resultados da campaña do 2021, así como a entrega de distintivos para os barcos locais incluídos no proxecto. Na iniciativa Mares Circulares participan varios barcos ribeirenses, a Asociación de Armadores de Ribeira e a Sociedade Cooperativa Santa Eugenia.

Mares Circulares

Mares Circulares é un proxecto impulsado por Coca-Cola en España e Portugal, co-financiado por The Coca-Cola Foundation, desenvolvido por Asociación Chelonia, Fundación Ecomar, Asociación Vertidos Cero e a Liga para a Protecção da Natureza (LPN), coa colaboración do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD), a través da Secretaría Xeral de Pesca. Ten como obxectivo traballar sobre a limpeza de costas e fondos mariños, a sensibilización cidadá e o impulso á economía circular.

Ao abeiro deste proxecto creouse un distintivo para as embarcacións pesqueiras que participan na pesca de lixo no Proxecto Mares Circulares, co propósito de recoñecer o esforzo e o traballo que realizan os pescadores na protección do mar. Esta acreditación foi entregada no porto de Santa Uxía aos arrastreiros Sanper, Boteira Primeiro (da Cooperativa Santa Eugenia), Nuevo Pesquero Lijó, Praia do Touro, Afanuda Segundo e Marpar Segundo (Asociación de Arrastreiros de Ribeira). Trátase dun identificativo con formato adhesivo, co logo do proxecto, que será colocado polas embarcacións colaboradoras nunha zona visíbel da cuberta, co fin de que sexan recoñecidas e apreciadas socialmente polo seu labor na loita contra os lixos mariños.

A acreditación de Mares Circulares segue a liña do utilizado desde hai algúns anos pola organización KIMO Internacional, nas embarcacións de pesca das rexións do norte de Europa que colaboran na pesca de lixo dos caladoiros que fondean durante as súas faenas.

As limpezas de fondos mariños coordinadas por Asociación Vertidos Cero contan coa participación de 15 portos e 104 barcos pesqueiros, entre os que se atopan os portos de Ribeira e Muros. Desde o comezo do proxecto retiraron dos fondos mariños ao redor de 68 toneladas de residuos, dos que un 72% corresponden a obxectos de plástico, 12% a metal e 8% vidro. Resaltar que un 12% do residuo retirado dos fondos, foi reciclado e espérase aumentar esta porcentaxe ao longo do proxecto. Este, que se desenvolve desde 2018, logrou retirar a maiores 1.453 toneladas de residuos grazas á colaboración de máis de 20.000 voluntarios que interviñeron na limpeza de 239 praias e contornas acuáticas, incluíndo 21 reservas mariñas. Impartíronse talleres de formación a máis de 62.000 persoas.