A Xunta eliminou un punto de vertedura de augas residuais no concello de Boiro cara á ría.
Segundo a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, este foco foi localizado na parroquia de Castro, no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia, neste municipio.
A inspección identificou a orixe da vertedura nunha rede de pluviais e augas naturais con achegas contaminantes por filtracións desde pozos colectores da rede de saneamento municipal, que presentaban deficiencias estruturais.
Augas de Galicia notificoulle a incidencia ao Concello de Boiro para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante.
Agora, nunha recente inspección á zona, os técnicos da Xunta comprobaron a corrección do punto, despois de que levase a cabo a limpeza e arranxo das deficiencias detectadas nas instalacións municipais.




