A mobilidade máis ecolóxica, innovadora e económica centrará en Ribeira a III Feira de Automóbiles Híbridos, Eléctricos e de Ocasión

A fin de semana comprendida entre o 17 e o 19 de xuño vaise celebrar en Ribeira un dos grandes acontecementos comerciais e empresariais da tempada na comarca, unha cita anual que ten o engadido extra de mostrarnos a vangarda da mobilidade e do transporte. Estamos a falar da terceira edición da Feira de Automóbiles Híbridos, Eléctricos e Vehículos de Ocasión.

Organiza novamente a Asociación de Empresarios de Ribeira, en colaboración co Concello. Será na céntrica praza de España e con entrada gratuíta. Novamente será posíbel probar algúns dos vehículos expostos, co fin de coñecer as moitas prestacións que ofrecen.

A feira contará coa presenza de trece marcas de vehículos que darán a coñecer as súas últimas novidades na gama híbrida e eléctrica, e algunha presentación en exclusiva. A previsión e xuntar na explanada da praza de España máis de 120 unidades para “que toda a veciñanza do Barbanza poida coñecer de primeira man os produtos innovadores que presentan as diferentes marcas”, fíxose saber na presentación do evento. Marcas como Peugeot, Kia, Hyundai, Citroen, Nissan, Dacia, Renault, Ford, Fiat, Jeep, BMW, Mercedes e Toyota.

A Asociación de Empresarios de Ribeira, consciente da escaseza de vehículos novos e co obxectivo de impulsar un mercado en auxe, inclúe nesta edición da feira un apartado de vehículos de ocasión, sendo o obxectivo “ofrecer ao cliente a posibilidade de levarse o vehículo no mesmo momento de realizar a compra”.

A patronal salientou na presentación os importantes descontos cos que contarán os vehículos expostos na feira.

Na presentación do evento participaron o presidente da asociación, Francisco Martínez Gude, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz.