A historia da Casa de Rosalía (A Casa da Matanza) pódese ver na Alameda noiesa até o día 28

A Alameda de Noia foi o escenario este 15 de xuño da presentación da exposición itinerante A Casa de Galicia: 50 anos da Casa de Rosalía.

Participaron na apertura da mostra Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, Santiago Freire, alcalde de Noia, María Muíño, deputada de Política Lingüística, e José Pérez, concelleiro de Cultura.

A mostra, que se pode ver até o 28 de xuño, conmemora o medio século de actividade da Casa de Rosalía. Repásase nela a historia da Casa-Museo de Rosalía en Padrón e lémbrase o fito que supuxo conseguir mercar, restaurar e musealizar este inmóbel en pleno franquismo grazas á colaboración de milleiros de persoas.

A iniciativa itinerante, que estivo os días pasados na Pobra, coincide co 50 aniversario da Casa da Matanza. A mostra, comisariada por Pepe Barro e impulsada pola Xunta e a Deputación da Coruña, busca poñer en valor a recuperación e musealización do inmóbel ó tempo que fai un repaso pola súa historia dende que en xullo de 1971 abriu as súas portas ó público.