Recibidas 7 ofertas de empresas para executar a senda que unirá A Casilla, O Araño e Burés, no Concello de Rianxo

11 Maio 2022

A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para a execución da senda que conectará, a través da estrada AC-305, A Casilla, O Araño e Burés, no concello de Rianxo, que suporá un investimento de máis de 500.000 euros.

O obxectivo desta actuación nesta vía autonómica, situada na aldea de Foxacos, é mellorar a seguridade viaria na AC-305, habilitando sendas peonís que favorezan a mobilidade a pé dos veciños.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras no mes de setembro, ao estar realizado o acto expropiatorio de levantamento de actas previas e fixado para o 18 de xullo a data das actas de ocupación. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses e o obxectivo é telos rematados na primavera de 2023.

Esta actuación de mellora da seguridade viaria contará con financiamento dos fondos React UE da Unión Europea.   

Máis concretamente, actuarase nunha contorna na que hai dous treitos de estrada que carecen de espazo para permitir un tránsito peonil seguro e teñen vivendas nas súas marxes. A Xunta promove estas obras, que favorecerán os desprazamentos seguros a pé e garantirán, tamén, un mellor acceso ás paradas de transporte público.

O itinerario deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta executarase pola marxe dereita da estrada, habilitando, en total algo máis de 1,3 km de senda. Tomando como referencia a liña do bordo actual da estrada, ampliarase ou reducirase a beiravía para igualala ata os 50 centímetros en toda a actuación. A partir de aí, ampliarase a plataforma ata acadar unha senda de 2 metros de ancho, e incluso nalgún treito, tamén disporá de rígola e bordo de formigón.

A nova senda desenvolverase en dous tramos, para ofrecer continuidade aos desprazamentos peonís. Así, o primeiro partirá do núcleo de Burés, a continuación da beirarrúa actual, e finalizará no lugar dos Xens, onde conectará coa senda existente. Son, en total, uns 820 metros de senda. O segundo treito de itinerario, de 510 metros, comezará en Contrés e finalizará na Casilla, dando continuidade ao itinerario actual.

O firme da senda será en formigón armado e baixo el disporase unha base de solo seleccionado, prevéndose tamén a execución de colectores para recoller e dirixir as augas pluviais.

Os traballos completaranse coa instalación para as redes de telecomunicacións e coa semente dos taludes e desmontes, como medida de rexeneración ambiental. Ademais, colocaranse varandas de protección dos peóns en distintas zonas e a sinalización precisa.

Xunto con isto, a departamento de Infraestruturas da Xunta acometerá, de forma complementaria, unha actuación adicional na outra marxe desta mesma estrada, coa execución dunha senda en Burés, que acaba de ser adxudicada esta mesta semana por un importe de preto de 50.000 euros.

Trátase da execución dun treito de senda pola marxe esquerda da estrada AC-305, de 100 metros de lonxitude, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 10+180 e 10+280.

Con esta actuación a Xunta atende unha demanda veciñal, dando acceso a unha parada de autobús nesa marxe da estrada, onde tamén se prevé a disposición dun refuxio para os usuarios do transporte público.

O departamento de Infraestruturas da Xunta segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro e sustentable.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reforza o alumeado público na rúa de Galicia

O Concello de Ribeira informou dun reforzamento do alumeado público nalgunhas contornas do centro urbano da cidade, concretamente no treito da rúa Galicia comprendido entre o Mercado Municipal e o cruzamento co Parque García Bayón. Segundo informaron fontes do...

+

I Concurso Infantil de Debuxo ApiBarbanza – 2024

A delegación de AGA, asociación Galega de Apicultores, no seu Delegacion do BARBANZA SALNES convoca I Concurso Infantil de Debuxo Apícola co fin de involucrar e concienciar aos nenos sobre o valor da abella como axente polinizador e na conservación do medio...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...