Preséntase en Rianxo o proxecto-libro “A Marela ou Amarela”, impulsado por Manu Sobral para concienciarnos sobre o daltonismo

Este xoves 6 de maio vaise presentar no salón de actos do Auditorio Municipal de Rianxo o libro-proxecto A Marela ou Amarela?, apoiado pola editorial noiesa Toxosoutos. Sera ás 21.00 horas e está previsto que interveñan o autor, Manu Sobral Figueroa, o ilustrador da publicación, Manuel Martínez Borrajo, o coordinador da Editorial Toxosoutos, Clodio González Pérez, e o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños.

Quen precise acudir ao acto, terá que confirmar asistencia a través do teléfono 637539946 (Manu Sobral) ou a web  www.avacamarela.com.

Segundo adianta o autor do proxecto-publicación, o veciño de Taragoña Manu Sobral, a orixe de A Marela ou Amarela está en 2020, cando abrollou do seu maxín a idea de publicar un libro, enmarcado dentro da literatura infantil, cuxo principal foco temático fose o daltonismo. A partir diso, e tomando como base o exitoso proxecto de A Vaca Marela levado a cabo nas aulas do Colexio Jaime Balmes (Noia, A Coruña), comezou a edición do libro (álbum-ilustrado) publicado o pasado 20 de abril do 2022.

O libro

A Marela ou amarela? ten como obxectivo principal “a concienciación e a dinamización de xeito transversal desta patoloxía visual a través da literatura infantil, achegándoa así ás idades temperás”. O libro está dividido en dúas partes ben diferenciadas pero comúns en canto ao contido. Por unha banda, coñeceremos a historia da Marela, como se desenvolve no seu día a día, e pola outra atoparémonos cunha unidade didáctica final ateigada de información e actividades co fin de que as crianzas poidan coñecer esta doenza. As ilustracións chegan da man de Manuel Martínez e a publicación da obra da Editorial Toxosoutos.

O proxecto

A partir do mes de setembro deste presente 2022, A Marela viaxará polos colexios de Educación Infantil e Primaria da comunidade galega, co fin de achegar e concienciar aos nenos, da man do autor, sobre o principal protagonista do libro, o daltonismo. Isto conseguirase grazas a unha base didáctica de apoio.

A vaca marela, canción interpretada polas alumnas e alumnos de 5ºB na Boiro Escola de Música baixo a dirección de Manu Sobral.