O GEAAT e o Parque das Illas Atlánticas confirman a existencia de construcións romanas en Sálvora

Sabiamos moitas cousas do arquipélago de Sálvora, pero está claro que aínda hai segredos por desvelar, como o feito de que a illa principal acubille pegadas da presenza dos romanos. De feito, os traballos levados a cabo alí polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, ao abeiro da primeira escavación arqueolóxica que se leva a cabo na illa, deron como o resultado a aparición dun importante xacemento romano que, segundo adianta o equipo de investigadores, é posíbel que se corresponda cunha factoría de salgadura.

Os traballos contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Este traballo conxunto remóntase a 2011, cando o GEAAT realizou traballos análogos na illa de Ons, onde tamén se atoparon dous importantes xacementos de época romana.

O equipo de investigadores (dirixido polo profesor da Facultade de Historia do Campus de Ourense, Adolfo Fernández) levou a cabo unha sondaxe valorativa no Areal dos Bois, onde anos atrás xa se descubriran algúns materiais arqueolóxicos en superficie, polo que esta evidencia apuntaba á existencia dun xacemento romano, sen saber as dimensións e características.

Así, o Parque Nacional das Illas Atlánticas decidiu colaborar con este grupo investigador que tiña por obxectivo caracterizar os posíbeis restos agochados baixo a duna, mediante a realización dunha sondaxe valorativa.

A intervención, realizada durante o mes de abril, deu como resultado o achado -baixo a duna- dunha estrutura de época romana. O equipo da Universidade localizou un muro de contención que nivelaba o terreo nunha zona por onde descorría un antigo regato e, fóra do edificio romano, localizouse un vertedoiro con centos de fragmentos cerámicos, ósos de animais, cunchas, un coitelo de ferro e unha fibela de bronce.

Todo este material será estudado no Laboratorio do GEAAT, no Campus de Ourense, e segundo corroboran os investigadores, “poderá achegar importantes datos sobre a cronoloxía do xacemento, os seus usos e os hábitos de vida e consumo de alimentos dos seus habitantes, como por exemplo as especies que existían e que eran consumidas na illa durante os séculos I ao IV d.C”.

Ademais deste material, na sondaxe tamén recuperaron abundantes fragmentos de morteiro hidráulico formado por cal e coios que era utilizado habitualmente como revestimento dos píos de salga, similares aos empregados nas fábricas romanas de Adro Vello (O Grove), en Sobreira (Vigo), en O Naso (A Illa) ou na propia fábrica de Canexol (na illa de Ons).