O Concello da Pobra achega a súa colaboración a Ambar para o seu programa de emprego para mulleres

04 Maio 2022

A asociación comarcal Ambar, centrada na plena inclusión das persoas con diversidades funcionais, levará o seu Programa de Emprego para Mulleres á Pobra do Caramiñal contando coa colaboración da Concellaría da Promoción Económica. O obxectivo deste traballo conxunto será “mellorar a igualdade de oportunidades a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia, redundando, polo tanto, nun progreso da súa situación persoal, social e laboral”. Segundo confirmaron Ambar e o Concello, a metodoloxía que se vai seguir consiste en sesións individualizadas e grupais de formación para o emprego, orientación laboral e acompañamento na etapa de prospección empresarial.

O espazo cedido pola Administración local é unha área do centro pobrense de Coworking. Precisamente o espazo local de traballo colaborativo e innovador acolleu a presentación desta iniciativa que parte cun grupo reducido de 5 mulleres que irá recibindo máis incorporacións a medida que aquelas se vaian inserindo no mundo laboral.

A presidenta de Ambar, Milagros Rey, destacou a importancia de poñer en marcha este tipo de cursos para incorporarse no mercado laboral ao tempo que se aprende desfrutando. A esta cuestión tamén se referiu a técnica de Emprego da referida entidade, Ángeles Sampedro, quen incidiu en que se vai apoiar, motivar, buscar e acadar o obxectivo laboral das participantes.

Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), acompañado da técnica municipal da Promoción Económica, Sara Sánchez, puxo en valor o labor que executa Ambar, así como esta actuación que busca redundar nunha mellora da empregabilidade.

O dito proxecto está dirixido a mulleres que cumpran algún dos seguintes requisitos: con diversidade funcional, con trastorno mental, sen titulación ou con baixa cualificación, desempregadas menores de 30 anos, desempregadas maiores de 45 anos, residentes en concellos rurais e inactivas ou desempregadas de longa duración. A súa duración esténdese dende este mesmo 4 de maio ata o día 4 de agosto do presente ano.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...