O ciclo de concertos de homenaxe a Carlos García López-Picos recala en Rianxo os días 20 e 21

03 Maio 2022

Rianxo vai acoller dous concertos de tributo ao compositor galego Carlos García López-Picos (Betanzos, 1922–Oleiros, 2009), do que se están a celebrar estes días o centenario do seu nacemento. Estes concertos, que veñen da man do departamento de Cultura da Deputación da Coruña, arrincaron o 29 de abril no Pazo de Mariñán e está previsto que este maio o ciclo de actuacións percorra diversos escenarios da provincia: o salón de actos da Casa Dopeso das Pontes, os días 7 e 14 de maio; o Auditorio Municipal de Rianxo, o 20 e 21 de maio; e a Aula de Cultura Xulio Cuns de Betanzos, o 27 e o 28.

O primeiro concerto, o do 20 de maio, en Rianxo será ás 21.00 h e é unha actuación para violonchelo e piano que contará coa presenza da violonchelista Teresa Morales Diego e o pianista Javier Ares Espiño, que interpretarán partituras de Manuel de Falla, García-Picos, Isidro B. Maiztegui e Astor Piazolla.

A do 21 de maio en Rianxo, ás 21.00 h, será unha actuación para voz e piano coa soprano Susana de Lorenzo e o pianista Alejo de Lorenzo, que ofrecerán a súa versión de obras de obras de Marcial del Adalid Gurrea, Eugenia Osterberger Luard, Andrés Gaos Berea, García-Picos e Juan Durán Alonso.

A reserva de localidades realizarase na web do Concello, na sección de reservas.

O compositor

Compositor e director de coros galego-arxentino, Carlos López García-Picos, desenvolveu gran parte da súa actividade en Bos Aires, onde contactou coa intelectualidade galeguista. Na súa formación destaca unha estancia de varios anos en Francia, onde estudou na Schola Cantorum e no Conservatorio Nacional de París. Foi o principal impulsor, socio e membro de honra da Asociación Galega de Compositores e mantivo na capital arxentina un compromiso constante coa comunidade galega, reflectida en moitos aspectos da súa obra.

Outros artigos

Este venres recala en Boiro “Deadpan Karaoke” de Ibuprofeno Teatro

A Casa da Cultura de Boiro vai dar acollida este venres 26 de abril á representación teatral de Deadpan Karaoke, a cargo de Ibuprofeno Teatro, a partir das 21.00 horas. As entradas estarán á venda dende unha hora antes da función na billeteira. Trátase dunha peza para...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...