O BNG de Noia redobra esforzos para acadar o pintando de pasos de peóns en Orro e Boa

O BNG presentou unha nova iniciativa para requirir á Xunta a instalación de pasos de peóns en Orro e Boa. A demanda foi apoiada por unanimidade pola Corporación municipal, porén o BNG xa anunciou que insistirá no Parlamento para a consecución destes elementos de seguridade. Segundo lembran os nacionalistas, malia a aprobación da Corporación requírese do beneplácito da Administración galega, a quen lle compete a xestión da estrada AC-550.

O BNG tamén recorda que a insistencia dos nacionalistas a respecto desta demanda “vén de lonxe”, cando xa a comezos do actual mandato, en setembro de 2020, despois da recollida de sinaturas a prol desta cuestión, “achegamos ao Parlamento unha primeira petición para a colocación dos pasos”, sinalan, engadindo que aquela petición foi rexeitada pola Xunta de Galicia, “mais insistimos en febreiro de 2021 cunha petición máis específica na que preguntarmos en dúas localizacións concretas en cada un destes lugares”. A resposta, explican, chegou en 22 de setembro de 2021 e nela facíase saber que “unha vez analizadas as condicións da estrada neste treito, informóuselle ao Concello que o punto que cumpre cos requirimentos da Orde Circular 1/2008 é o punto quilométrico 70+050, á altura da marquesiña”, punto que tiña sinalado o BNG. Indicou a Xunta tamén que, “para mellorar as condicións deste paso, é necesario que desde o Concello se realicen unha serie de actuacións encamiñadas a asegurar a seguridade dos usuarios do paso”. O Bloque, no comunicado que acompaña a petición que vén de ser apoiada pola Corporación, sinala que as xestións requiridas foron levadas a cabo polo Concello co obxectivo de “materializar o paso de peón antes do remate do mes de febreiro deste ano”.

Con respecto ao caso de Boa, a Xunta sinalou que “non é treito urbano e non dispón de beirarrúas en ambas marxes”, e que, ademais, “a iluminación non é suficiente”. Porén, o grupo municipal do BNG en Noia considera que “o feito de que a parroquia de Boa non se considere treito urbano non se axusta á realidade do lugar, cando ademais temos constancia da existencia de pasos de peóns en zonas similares nas que hai unha menor densidade de poboación”, sinalou o portavoz da formación, Ricardo Suárez.

“As beirarrúas, aínda que moi mellorábeis, existen, e a iluminación supón un problema recoñecido pola Xunta que constitúe un perigo por si mesmo, e que facilmente se podería mellorar. Se se realizan as accións precisas, e se realizan dun modo coordinado entre as dúas Administracións con dilixencia e bo facer, poderíase solucionar neste lugar un problema veciñal antigo”, proseguiu Suárez

Así mesmo, o portavoz do BNG afirmou que “existen outros puntos do municipio que se atopan cortados por estradas de envergadura e con tráfico relativamente fluído, que provocan que determinados núcleos se atopen partidos á metade, con todo o que iso supón desde o punto de vista da mobilidade e da cohesión nos mesmos”.

Desde o grupo municipal do BNG agardan que o acordo plenario alcanzado “sirva para que se proceda á colocación do paso de peóns aceptado pola Xunta en Orro coa maior brevidade posíbel, que se realicen as xestións necesarias de modo bilateral para posibilitar que a zona de Boa poda cumprir coas condicións de iluminación e de adecuación das beirarrúas para que se poda colocar un paso de peóns, así como que se traballe no sucesivo de forma coordinada coas Administracións que sexan titulares das estradas para establecer medidas para que se poidan colocar máis pasos de peóns seguros no municipio, dando prioridade a aquelas zonas que se atopan divididas por estradas cun maior tránsito”.