“Libre coma as paxaros”, de Teatro Noroeste, chega este sábado a Noia

Este sábado 7 de maio o Coliseo Noela de Noia vai acoller a presentación da obra teatral Libre coma os paxaros, con textos de Rosalía de Castro, dirección de Xulio Lago e un elenco artístico constituído pola actriz María Barcala. Será ás 20.30 horas, con entrada libre até completar aforo. A función, que vén da man de Teatro do Atlántico, terá unha duración de 75 minutos. Recoméndase para público maior de 15 anos. A vertente musical vén da man do compositor Vadim Yukhnevich.

Sinopse 👇🏼

Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.

Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.

Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve.

Muller. Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta.

Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros. Chámase María Rosalía Rita de Castro.