Alfonso Rueda toma posesión do cargo como presidente da Xunta de Galicia


Alfonso Rueda toma posesion do seu cargo como presidente da Xunta

Galicia xa ten novo presidente, o pontevedrés Alfonso Rueda (1968) quen asumiu este sábado plenas funcións como sexto mandatario da historia da Autonomía de Galicia tras tomar posesión do seu cargo. O sucesor de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Presidencia da Xunta optou pola fórmula do xuramento, pero prestouno coa man sobre o Estatuto de Autonomía.

O acto de toma de posesión arrincou conforme o horario previsto, ao redor das 12,00 horas, coa lectura do decreto de investidura por parte do xefe do Lexislativo, Miguel Santalices. A continuación, Rueda xurou e procedeu a pronunciar o único discurso da xornada. O xoves pasado foi elixido pola Cámara autonómica como novo titular do Executivo galego cos votos do PPdeG e a oposición en contra.

Fíxoo #ante máis de medio milleiro de invitados, repartidos en varias salas do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia, entre os que se atopaba o presidente saínte e líder do PP, así como a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz; así como os presidentes de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco; Madrid, Isabel Díaz Ayuso; e Murcia, Fernando López Miras, entre outras autoridades e personalidades do mundo civil.

Acto de toma de posesión de Alfonso Rueda Valenzuela como presidente da Xunta de Galicia. 14/05/22.

Algunhas destas autoridades foron situadas na primeira fila como tamén a familia do novo presidente, que chegou con tempo. Previamente, subira unha foto nas súas redes sociais tomando un café. “O café do 14 de maio de 2022 sabe igual pero tamén un pouco diferente. Rumbo a Santiago para seguir camiñando”, trasladou.

Para a xornada na que asumiu o cargo de presidente galego, Rueda elixiu un traxe azul escuro e unha gravata con símbolos do Xacobeo. Pendente de pechar o seu Goberno, cuxa composición plena coñecerase este domingo, Rueda mantivo conversacións cos actuais conselleiros na pasada xornada, na que tamén tivo un compromiso familiar: a gradación da súa filla pequena.

Rueda baixou as escaleiras do hemiciclo para chegar ao Salón dous Reis do Pazo do Hórreo acompañado por Miguel Santalices e, detrás, de Yolanda Díaz e Feijóo. A Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretou do Himno do Antigo Reino de Galicia. Tras tomar posesión, os invitados aplaudiron ao novo máximo mandatario galego.

Acto de toma de posesión de Alfonso Rueda Valenzuela como presidente da Xunta de Galicia. 14/05/22.

Intervención do Presidente Alfonso Rueda Valenzuela na súa toma de posesión

Vicepresidenta segunda e ministra de Trabajo e Economía Social;Ex-presidente Rajoy:Ex-presidente Feijóo;Ex-presidente Laxe;Presidenta de la Comunidad Autónoma de Madrid;Presidente de la Región de Murcia;Presidente de la Comunidad Autónoma de Castilla y León;Presidente do Parlamento de Galicia;Membros da Mesa do Parlamento,Delegado do Goberno;Alcalde de Santiago de Compostela;Vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados;Xeneral Xefe da Forza Loxística Operativa en Galicia;Representantes das Forzas e Corpos de Seguridade;Conselleiros do Goberno de Galicia;Presidente do Tribunal Superior de Xustiza e Fiscal Superior de Galicia;Voceira do grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego e voceiro do Partido Socialista de Galicia;Ex-presidentes do Parlamento de Galicia;Presidentes das entidades e órganos estatutarios;Presidentes das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense;Reitor da Universidade de Santiago de Compostela;Alcaldes e alcaldesas;Cargos da Xunta de Galicia;Representantes do resto das institucións;Presidente da CCDR-N;Editores e directores dos medios de comunicación;

Amigas e amigos que enchen varios locais, agradézolle moitísimo a toda a xente que está hoxe aquíSeñoras e señores, moitas grazas a todos e a todas.

A vontade popular de Galicia, representada a través deste Parlamento, afunde as súas raíces na idea de que as galegas e galegos, en tanto que cidadáns da España das autonomías, temos o dereito e o deber de decidir por nós mesmos o noso futuro.

Neste Parlamento, onde conflúe a pluralidade do noso pobo e onde veño de tomar posesión da máis alta das responsabilidades que outorga Galicia, penso que é acaído reflexionar sobre as orixes da nosa esencia colectiva.

Poucas visións resumen tan ben a miña concepción desta terra como a do pontevedrés Valentín Paz-Andrade, que se refería a “Galicia como unha tarefa”. Hai algo na nosa identidade que a converte nunha tarefa permanentemente inconclusa.

Ese inconformismo cordial tan noso é a mellor motivación para avanzar cada día no perfeccionamento desta terra, co obxectivo de que os que nos sucedan poidan vivila mellor ca nós. Este é un país do que os seus habitantes non nos sentimos xamais propietarios, senón máis ben usufrutuarios.

Xa desde os primeiros pasos da nosa andaina colectiva, Galicia logrou conxugar unha orgullosa defensa do noso cunha desacomplexada apertura cara ao que vén de fóra para mellorar, sempre para mellorar.

Fixemos perfectamente compatibles uns mitos fundacionais que son un canto á resistencia…

… coas chamadas á fraternidade en e entre os pobos que fixeron os galeguistas de todas as ideoloxías: da “unión dos bos galegos” que preconizaba Curros Enríquez ata a Galicia con “sitio para todos” que imaxinou Castelao.

Unha terra unida pola pertenza, os afectos e o desexo de facela libre e próspera entre todos e todas.

Dúas mouteiras fundamentais dese vieiro histórico son, sen ningúnha dúbida, a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía, dos que emanan as institucións do noso autogoberno.

Con eles constátase que, por escuros que sexan os séculos e longas as noites de pedra, acaba triunfando unha Galicia ampla que quere e pode achegar un mañá mellor para os seus fillos.

A Galicia autonómica, plenamente consolidada despois de catro décadas, nace do legado dos galegos que a pensaron e dos que a foron construíndo. De todos eles.

Coñecer e respectar a historia común é o mellor escudo contra un dos grandes males que atenazan a política de hoxe: o adanismo.

O mundo non comeza hoxe. A nosa andaina non empeza con nós. Somos porque outros foron antes que nós.

Como di un dos proverbios que mellor explica a humildade coa que nos debemos conducir pola vida e tamén pola política, “se logramos mirar máis lonxe é porque estamos subidos a ombros de xigantes”.

Aprecio por tanto e reivindico o noso pasado, o inmenso esforzo dos que nos precederon por construír unha Galicia mellor.

Teño os pés firmes no noso presente, e ningunha das dificultades da nosa xente nin me son alleas nin deben selo xamais.

Afronto con ilusión e con confianza o futuro, porque sei que os galegos imos seguir tomando boas decisións.

O noso anhelo de seguir procurando xuntos as máis altas metas comúns non pode nin tampouco debe partir de cero nin impugnar o avanzado polos que nos guiaron ata aquí.

Durante as últimas décadas, servín a Galicia como funcionario público. Servín a Galicia como alto cargo da Administración autonómica co presidente Fraga. Servín a Galicia durante trece anos como membro do seu Goberno, ao carón do presidente Feijóo.

Durante toda esta traxectoria como servidor público tiven a fortuna de aprender moito das xentes que coñecín, das persoas coas que traballei e traballo ás que nunha lles estarei dabondo agradecido e da xente coa que vivín algún dos acontecementos que perfilaron a nosa historia recente, coas súas luces e as súas sombras.

A experiencia que fun acumulando ao longo de todos estes anos non neutraliza a enorme emoción que sinto e que todo o mundo pode imaxinar nestes momentos. Ben ao contrario, acentúaa: porque me axuda a comprender a grandeza da tarefa que me acaba de ser encomendada.

Hoxe non tomo posesión dun cargo: fágome cargo das lóxicas preocupacións dos galegos de hoxe e tamén, especialmente, das incertas perspectivas para os galegos de mañá.

O difícil contexto social e económico e en todas as ordes que viven Europa, España e Galicia fai que guiarse a través del desde a estabilidade sexa máis unha obriga que unha simple opción de goberno. Erra quen confunde a prudencia coa apatía ou a falta de ideas. Ao contrario, a prudencia é unha condición necesaria, agora máis que nunca, para priorizar as necesidades reais dos galegos sobre os dogmas, trivialidades e modas efémeras que ás veces, ultimamente máis que nunca, inundan o debate público.

Do mesmo xeito, gobernar desde a moderación é o mellor antídoto contra a intransixencia, as divisións estériles ou a polarización que lastran a convivencia e que noutros lugares —non en Galicia, afortunadamente— xa son unha triste característica habitual da política.

Teño a determinación de preservar Galicia das tendencias de ruptura que noutros lados se observan. Coñezo, quero e creo firmemente nunha Galicia unida,

Desde a rúa Príncipe de Vigo ou os Cantóns da Coruña ata a praia das Catedrais,

Desde as terras agrarias da Limia en Ourense ata o os portos pesqueiros do Barbanza,

Desde a praza do Obradoiro ata o Centro Galego de Bos Aires.

Desde un recuncho ata outro de Galicia; desde o máis próximo ata o que estea máis lonxe.

Creo, polo tanto, nunha comunidade que se manteña a salvo da miopía do localismo e a fragmentación, que co ariete de supostos agravios carga contra a casa común que tanto nos custou e nos está costando construír.

Por eso Galicia contribuirá con lealtad al fortalecimiento de España y del proyecto común europeo, que son espacios de libertad y de bienestar que, por supuesto, son perfectibles, pero que no tienen equivalente en el mundo actual.

Jamás nos escudaremos en la pluralidad para ahondar en la disgregación. Al contrario, lo que vamos a hacer es reivindicar esa pluralidad como una condición indispensable para mantenernos unidos.

Y frente a quienes tengan la tentación de aprovechar los resortes del Estado para desgastar las instituciones, comenzando por la de Su Majestad El Rey Felipe VI, Galicia, en lo que de mí dependa, seguirá apostando por un modelo basado en la cooperación y en la fidelidad a la palabra dada.

O autogoberno fai posible que Galicia despregue potencialidades que permanecían aletargadas. O espertar ao que chama o noso himno prodúcese definitivamente coa autonomía. Os galegos convertémonos en donos do noso destino e pasamos de ser espectadores dos acontecementos a protagonistas que tomamos decisións relevantes sobre o noso presente e, sobre todo, sobre o noso futuro. Semellante desafío non sempre é doado porque obriga a enfrontarse con situacións que requiren un alto grao de responsabilidade e un alto grao de prudencia. Sen embargo, Galicia superou e vai superar esas probas sen que a unidade esencial do noso pobo se resinta.

Galicia o que quere é ser como Galicia. E eu creo que acertamos querendo iso. Non buscamos fóra modelos que condicionen, que nos confronten con outras terras, senón que o que queremos é seguir transformándonos no noso propio modelo. A clave do éxito deste periplo autonómico estriba en enorgullecernos do que somos e, sobre todo, de como somos. Somos un país de camiños e, polo tanto, temos que trazar un novo camiño político, hoxe comeza, no que todos os galegos, esa é a miña principal aspiración, poidamos transitar da man.

En Galicia elaboramos a nosa identidade a través da suma, nunca da resta nin da división. A nosa lingua, a nosa cultura, a nosa tradición e o noso xeito de ser non se definen, nin se van definir nunca, por colisión con outros elementos ou con outras sociedades.

O que hoxe somos, e somos moitas cousas e moi importantes, é froito dun traballo conxunto: dos que construíron Galicia desde aquí, e a seguimos construíndo, e de todos os galegos que tiveron que exercer a súa galeguidade fóra da súa terra e que tamén contribuíron moito a converternos na esencia de algo que é moi universal.

A pluralidade da identidade galega non nos fai máis febles nin nos desdebuxa. Ao contrario, nos enriquece, nos afortala e amplifica a nosa proxección no mundo.

Esta esquina verde de Europa é a culminación da columna vertebral do continente europeo e refléxase moi ben no Camiño de Santiago. O noso privilexiado balcón cara ao Atlántico é o mellor nexo entre os cidadáns europeos e os americanos. A nosa posición xeográfica é en moitos sentidos premonitoria do papel que nos tocou, nos toca e nos tocará exercer nun mundo  que está cada vez máis globalizado.

Polo tanto, exercerei o meu deber, primeiro, desde a sensibilidade, tanto á hora de abordar os problemas dos galegos como, tamén, para iso estamos especialmente, para propoñer solucións. Cantas máis incógnitas se cernan sobre o futuro dos galegos, máis determinación amosará a Xunta de Galicia para que poida atoparse na nosa Administración autonómica, a Administración de todos os galegos e todas as galegas, un parapeto, un remedio ou, cando menos, un consolo.

Señoras e señores, eu son un galego que ve nos seus compatriotas o mellor exemplo. Son un fillo de Galicia ao que Galicia encomenda que manteña a súa unidade, o seu progreso e o seu benestar. Teimarei por ser digno deste pobo que demostra todos os días que é capaz de realizar os seus soños. E se o fai é grazas ao esforzo propio, dentro dunha España democrática e no seo dunha Galicia autónoma e libre. E así temos que seguir sendo.

Seguiremos avanzando polos camiños da vida e da historia sen deixar atrás a ningún dos nosos, porque entón ese avance sería incompleto.

Empezo esta andaina animado por un galeguismo conciliador e inconformista e dispóñome a continuar o camiño iniciando unha etapa máis. E son consciente de que se inicia unha etapa máis. Miro atrás e contemplo un percorrido fecundo no que os nomes de Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijóo marcan fitos que xa forman parte da historia gloriosa e orgullosa de Galicia.

Diríxome aos galegos —e así o farei sempre— libre de hipotecas, pero tamén cargado de débedas de gratitude.A primeira delas, coa miña familia.

Co meu pai. Se hoxe estou aquí é porque seguín o seu exemplo, pero non os seus consellos e el sabe que o boto de menos.

Coa miña nai. Que me ensinou que unha nai todo o entende e todo o ampara.

Con Marta, a miña muller, que, entre outras moitas cousas, é o mellor refuxio das decepcións, e aquí hai moitos que saben do que falo, da política. Tamén dos bos momentos, pero especialmente dos malos.

Con Beatriz e Marta, as miñas fillas, que son, tamén moitas cousas, pero, sobre todo, o mellor recordatorio de que paga a pena traballar polo futuro de Galicia.

Gratitude tamén co meu partido, o Partido Popular, que cunha enorme xenerosidade, nun tempo moi curto, me pediu que encabezase a tarefa de seguir imprimindo na Xunta de Galicia o proxecto político que máis se parece a Galicia.

E por suposto, nestas débedas que teño con tantísima xente, síntome en débeda especial, e creo que é o mellor resumo, coas galegas e galegos, que no ano 2020 nos concederon un inmenso caudal de confianza. Tamén cos que non votaron no 2020 pola nosa proposta. Con todos en xeral. Eu creo que ese caudal de confianza só se pode responder cun inmenso compromiso de traballo e é o que quero facer hoxe aquí.

Nestes anos preocupeime un pouco menos da relevancia pública e un pouco máis de intentar axudar ao presidente Feijóo nunha tarefa moi difícil que creo que fixo excelentemente. Son perfectamente consciente de que estiven moitos anos na sala de máquinas e tamén son perfectamente consciente de que me toca agora subir á ponte de mando.

Estou moi orgulloso de asumir a responsabilidade que Galicia me outorgou e dareino todo de min para que Galicia poida sentirse igualmente orgullosa do seu Presidente neste novo comezo.

Imos seguir avanzando unidos por esta senda de progreso tranquilo que representa Galicia; por esta normalidade excepcional que queremos que siga sendo normalidade e que deixe de ser excepcional e que cunda o exemplo noutros sitios, e que xa convertemos na nosa bandeira.

Para esa tarefa pido a axuda de todos e de todas. E só podo ofrecer, pero ofrezo de corazón, todo o meu esforzo, todo o meu empeño e todas as miñas ganas. Moitísimas grazas.