A Asociación Ambar anunciou este luns 25 de abril que o seu Programa de Emprego para Mulleres ten prazas dispoñíbel no Coworking da Pobra do Caramiñal. Este programa ten o obxectivo de “mellorar a igualdade de oportunidades a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral”.

O programa está dirixido ás mulleres que cumpran algunha das seguintes características: ter diversidade funcional, ter trastorno mental, estar en situación de inactividade ou desemprego de longa duración, non ter titulación ou ter baixa cualificación, e ser desempregadas menores de 30 anos e maiores de 45 anos que residan en concellos rurais de zonas pouco poboadas de baixa densidade.
Ás participantes realizaráselle unha análise sociolaboral a partir dunha entrevista persoal e posteriores sesións individualizadas, nas que se definirán as necesidades de cada persoa e marcarase unha estratexia personalizada para que cada muller poida acadar os seus obxectivos.
Atendendo a estas premisas, levaranse a cabo sesións grupais que contemplan as seguintes materias:
-Formacións en competencias transversais como a mellora das habilidades comunicativas e sociais, e a creación dunha imaxe dixital profesional.
-Formación para o emprego, actualización do currículo, información e asesoramento sobre técnicas de busca de emprego, emprendemento, consellos para afrontar as entrevistas de traballo e outros recursos.
-Prospección empresarial, xestión de ofertas laborais, candidaturas e xornadas e obradoiros con empresas convidadas.
Este programa é posíbel grazas ao financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e enmárcase na subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e a colaboración dos Concellos de Ribeira e Porto do Son pola cesión dos espazos para levalo a cabo.
As mulleres que desexen participar poden concertar unha entrevista dende xa:
• Chamando ó centro de recursos de Ambar en Frións: 981 87 44 80/673 879 034
• ou cubrindo un formulario na web de Ambar
As entrevistas xa comezaron e as xornadas formativas desenvolveranse dende abril ata o 31 de xullo deste ano.