O Auditorio de Rianxo acollerá o venres 6 de maio a proxección da curtametraxe Rompente, do cineasta de Simes (Pontevedra) Eloy Domínguez Serén. Será na sala Arcos Moldes do Auditorio ás 21 horas cando dará comezo a curta, despois do visionado terá lugar un encontro co director, produtor e protagonistas do mesmo.
O argumento da peza trata sobre a vida de Santi, un pai adolescente que vive nunha pequena vila costeira. De día traballa nas bateas e polas noites marisquea de maneira furtiva. Mentres, a súa moza Lucía asume en soidade o coidado do bebé de ambos, Santi, ausente e afogado pola responsabilidade, busca refuxio e redención no mar.

Entre os protagonistas da cinta atópanse o rianxeiro Sergio Baleirón (Santi) xunto con Soraya Luaces e Vicente Mohedano e algunha presenza máis de Rianxo que se irá descubrindo na curtametraxe.
Subliñar que a entrada para ver Rompente é de balde previa reserva na web do Concello de Rianxo. No caso de quedar localidades dispoñíbeis logo do proceso de reserva, poderán solicitarse na billeteira do auditorio dende media hora antes do comezo.