Os empresarios de Ribeira urxen á reactivación do parking do Centenario para solucionar o problema dos estacionamentos na cidade

A Asociación de Empresarios de Ribeira emitiu un comunicado no que plasma o seu punto de vista sobre a situación actual dos estacionamentos na cidade e, máis en concreto, sobre os aparcamentos da zona azul e sobre a proposta recente dunha agrupación política local para establecer sistemas de pago por estas prazas.

A patronal lembra no seu comunicado que “coñecida” é a súa loita por ordenar o tráfico e “dispor de máis prazas de aparcadoiro na nosa cidade”, compromisos dos que xurdiron propostas diversas en diferentes mesas de traballo a prol da implantación da zona azul e a creación de áreas de parking expres, ferramentas que, segundo indica a asociación, “propician a fluidez do estacionamento na cidade, xa que ao dispor o cidadán de 90 minutos nun caso e de 15 no outro, para poder os cidadáns aparcar e realizar as súas compras ou xestións”.

A asociación informa de que “primeiro cremos o máis importante é dispor dunha vez por todas do parking do Centenario e que unha vez en funcionamento este, propomos que con subvencións por parte do Concello, gratificando media hora de estacionamento, engadindo outra media hora que xa dan os comerciantes da nosa asociación, paliaríase en parte o grave problema da nosa cidade no que a aparcadoiros se refire”.

E engaden: “Non cremos que pasar en zona azul ao sistema de pago imperante noutras cidades sexa o máis axeitado, porque pagariamos todos e aí si que recadaría máis o Concello. Agora pagan multas os que incumpren as normas, outra cousa é que a contía das mesmas sexa a adecuada, por iso é que pedimos constantemente que se reúna con máis frecuencia a Mesa de Peonalización e se poña orde ao tráfico que, é un caos pola escasa ou nula obediencia aos sinais que fan algúns: aparcar encima das beirarrúas, circular por dirección prohibida, virar nas interseccións en direccións prohibidas, etc….”.

A patronal referenda no seu comunicado ao apoio á realización da variante, “para evitar atascos en determinados puntos de Ribeira, como por exemplo na rúa Miguel Rodríguez Bautista”.

E conclúen: “Encomiamos a intención do PBBI na súa proposta de facilitar a vida ao cidadán, pero pedímoslle a este e aos demais partidos que se tomen en serio a ordenación do tráfico e que se reúnan para que se acorden unhas normas que sexan respectadas por todos e en caso contrario se fagan respectar polas autoridades competentes, contando para iso, como solicitamos sempre, de máis presenza policial nas rúas, que evitaría moitos destes problemas polo poder disuasorio que a súa simple presenza provoca”.