O noiés Xerardo Agrafoxo presenta en Boiro “Nas terras vermellas do Brasil”

Este 29 de abril toca falar de literatura de viaxes en Boiro. O motivo: a presentación dun dos máis destacados escritores da nosa comarca, o noiés Xerado Agrafoxo, que estará no Centro Social de Boiro para presentar Nas terras vermellas do Brasil (Toxosoutos, 2022), un libro que conforma a terceira parte dunha triloxía viaxeira conformada por Viaxe á última revolución (2014, Galaxia) e O país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal (2018 Galaxia), todas elas destacadas, incisivas e amenas crónicas das estadías de Agrafoxo lonxe da súa terra de orixe. A presentación está prevista para as 20.30 horas.

Xerardo Agrafoxo nunha imaxe cedida polo autor a Praza Pública

Nas terras vermellas do Brasil describe o periplo de 45 días realizado polo autor dende Recife a Río de Xaneiro pasando por Salvador de Baía, Belo Horizonte e Sao Paulo. Trátase dun texto ateigado de peripecias, encontros, curiosidades e reflexións, que serven a Agrafoxo para analizar a corrupción política e a violencia cotiá que asolan ao país, e, tamén, para deixarse engaiolar pola exuberancia das paisaxes tropicais, a riqueza artística das vilas declaradas Patrimonio da Humanidade e a sensualidade dun litoral ateigado de recantos coloniais como Olinda, Porto de Santos, Paraty e llhabela.