Esta fin de semana (venres 22 pola tarde, sábado 23 pola mañá e tarde e domingo 24 de abril pola mañá) o Museo do Gravado de Artes (Ribeira) vai realizar un curso de fotoaugaforte impartido polo catedrático de gravado da USAL (Universidade de Salamanca), José Fuentes Esteve, acompañado por Antonio Navarro. A entrega de diplomas será o domingo, 24 de abril, ás 14.00 h, e está previsto que asista o presidente da Fundación do Museo de Artes do Gravado (FMAG) e alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas.

A esta actividade formativa están anotados/as alumnos de distintas partes de España (Madrid, Salamanca, León, Lugo, A Coruña, Ourense, Pontevedra). O curso está patrocinado pola Deputación da Coruña en colaboración coa FMAG e o Concello de Ribeira. Coma en cursos anteriores traballarase con textos das grandes figuras da literatura galega, nesta ocasión coa poesía de Eduardo Pondal (Queixumes dos pinos / Rumores de los pinos), en homenaxe á gran figura do Rexurdimento galego. A idea do Museo do Gravado é realizar unha exposición homenaxe á figura de Eduardo Pondal coa edición dun libro ilustrado coas creacións do curso.
Visitas a Barbantiarte VIII e á Biblioteca Ilustrada do Museo do Gravado
O FMAG tamén informou de que esta tempada foi especialmente intensa no que a visitas se refire, tanto no relativo á exposición BarbantiaRte VIII como á Biblioteca Ilustrada do Museo do Gravado. Pasaron polo Museo do Gravado, entre outras entidades e colectivos, grupos da Asociación A Creba, da Escola de Adultos de Aguiño, do IES da Pobra do Caramiñal (Bacharelato) ou do Club Náutico da Coruña.

Recordar que a exposición BarbantiaRte VIII pode visitarse ata o 4 de maio. Neste momento visitaron a exposición máis de 700 persoas de distintos lugares lugares de Galicia e do territorio estatal, segundo informou a dirección do Museo do Gravado.
