O BNG de Ribeira solicita a reapertura das instalacións deportivas da Fieiteira

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira, a través do seu concelleiro Luís Pérez Barral, vén de achegar unha solicitude para a reapertura das instalacións da Fieiteira que están arestora pechadas dende a chegada da COVID e, tamén, para “potenciar as actividades deportivas”. Na petición (unha iniciativa plenaria para o Goberno local) o BNG critica que logo de dous anos da crise sanitaria “haxa espazos da Fieiteira como a zona de sauna e baño de vapor que seguen clausuradas”. E engaden: “Só se abriu, nos últimos días, a zona de hidromasaxe e hai que retomar a normalidade nas instalacións porque así nolo están demandando moitas persoas usuarias das instalacións”.

O concelleiro do BNG de Ribeira, Luís Pérez Barral

Desde o BNG indican que o feche desta zona do complexo polideportivo municipal “contrasta coa situación en que se atopan outras moitas instalacións repartidas por todo Galiza que si permiten o acceso a este tipo de espazos”. En opinión do grupo, “potenciar os hábitos de vida saudábeis é unha obriga do Goberno local e, dentro deles, a actividade física é vital para manternos en forma e sans porque reforza o noso sistema inmunolóxico e permite controlar o estrés, a ansiedade e o estado de ánimo”.

Desde o BNG recoñecen “non entender os motivos que levan ao Goberno local a manter clausuradas estas instalacións mentres que outros concellos si permiten o seu acceso garantindo todas as medidas de seguridade sanitaria necesarias para salvagardar a saúde da poboación”. Barral aposta por “abrir todas as instalacións cunhas normas claras que garantan o uso seguro por parte da veciñanza e instan a que o Goberno local potencie as actividades deportivas da Fieiteira”.