Este venres 13 de maio a Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo vai dar acollida á representación da nova produción teatral de Ainé Producións, Continente María. Será ás 21.00 horas e terá unha duración aproximada de 75 minutos. A función conta co apoio de A Quinta do Cuadrante, o Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego. A obra en cuestión abéirase ao programa de residencias artísticas do Concello de Rianxo. De feito, o equipo responsábel da función leva varias semanas facendo uso da devandita sala do Auditorio Municipal para a preparación desta nova produción, Continente María.
A entrada é gratuíta previa reserva de localidades na sección de reservas da web municipal.

Máis datos da función
Neste ano 2022 celébrase o centenario do nacemento da actriz galega María Casares. Nada na Coruña o 21 de Novembro de 1922, sufriu o exilio tralo golpe de estado fascista no ano 1936 e viuse obrigada a emigrar a Francia, onde se converte nunha das actrices máis sobranceiras do momento.
Partindo do seu estudo e dun intenso traballo documental sobre a súa vida e as súas circunstancias, a compañía teatral argallou un espectáculo que é “un achegamento á nosa historia recente dun xeito reflexivo, dinámico, vitalista e crítico”, sinalan, engadindo que Continente María é unha homenaxe á figura de Casarase desde a terra que a viu nacer, utilizando o mesmo medio que ela decidiu habitar até os seus últimos días: o teatro.
Continente María constitúe ademais un espectáculo no que se unen teatro, poesía e música para “confrontarnos coa memoria recente do noso país a través da inmersión na personalidade de María Casares e na súa historia de vida, que simboliza como poucas o exilio, pero tamén a resiliencia e a procura dunha vida plena a pesar de todas as dificultades dunha existencia atravesada polos grandes conflitos do século XX”.
Elenco
Texto: Marianela Morena
Dirección: Tito Asosey
Elenco: Malania Cruz, Vadim Yukhnevich
Iluminación e Audiovisuais: Laura Iturralde
Escenografía: José Faro “Coti”
Coprodución de Ainé Producións con A Quinta do Cuadrante, Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego.