O Concello de Ribeira vai recuperar os seus tradicionais campamentos municipais de conciliación logo de dous anos de inactividade por mor da pandemia de COVID (un período no que o Goberno local tivo que buscar alternativas á hora de ofrecer recursos cos que facilitar a convivencia da vida laboral e familiar en época vacacional). Neste senso, dende o Consistorio veñen de abrir o período de presentación de ofertas para a contratación dos campamentos de verán e Nadal de 2022 e 2023, con posibilidade de seren prorrogados por outros dous períodos de un en un.

O Concello explica que son destinatarios destas actividades de lecer os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos. Os campamentos que se van celebrar son os seguintes: Xoga con Nós, Camp of Cultural Summer, Campamento Urbano e Nadal Concilia. O número total de prazas ofertadas é de 550.
O orzamento base de licitación ascende a 95.999,75 euros, IVE incluído. A forma de adxudicación será por procedemento aberto e utilizando “unha pluralidade de criterios en base á mellor relación calidade-prezo”. No que atinxe á oferta técnica, valoraranse os proxectos educativos e de ocio atendendo aos seus contidos pedagóxicos, organización do servizo e eficacia do programa.
Puntúan, entre outros factores, a promoción de hábitos saudábeis, o emprego de novas tecnoloxías, os contidos ambientais, patrimoniais e artísticos, a innovación nos contidos, ou a transversalidade de igualdade, corresponsabilidade e outros valores sociais.
As empresas interesadas deben presentar as súas ofertas antes do día 26 de abril á medianoite a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).
Obxectivos xerais da licitación
• Ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas do concello de Ribeira no período estival e época do Nadal ao tempo que se dota dun espazo de conciliación ás familias.
• Fomentar a convivencia entre os nenos/as, recoñecendo, valorando e cumprindo as normas sociais relacionadas co respecto a un mesmo e os outros.
• Valorar e gozar da actividade física de cara ao seu benestar físico e mental, practicando hábitos de hixiene persoal –alimentación, saúde bucodental e protección solar- e demostrando respecto pola contorna.
• Coñecer, identificar e utilizar as habilidades e destrezas básicas fundamentais para levar a cabo as actividades propostas facilitando o crecemento individual, fomentando a participación solidaria, a responsabilidade, as relacións de cooperación, a observación, etc., aceptar as diferenzas individuais e manifestar respecto e tolerancia para facilitar unha convivencia harmónica, que favoreza o desenvolvemento da propia identidade, a madurez persoal e a progresiva toma de decisións.
• Facer un uso correcto dos recursos e materiais empregados e utilizar formas de comunicación expresivas, corporais, visuais, plásticas e musicais, desenvolvendo o sentido e a creatividade.
• Fomentar o coñecemento do medio natural ao que pertencen e o respecto e conservación do mesmo.