Esta semana, comezaron en Rianxo as clases de preparación das probas de competencias clave deste ano 2022. Esta actividade, promovida polo Concello, está dirixida a persoas que non dispoñen do título de Educación Secundaria e ten como obxectivo “proporcionar as ferramentas necesarias para a superación das probas das competencias clave, convocadas anualmente polo Instituto Galego das Cualificacións”. As sesións formativas serán tódolos martes, mércores e xoves, de 10:00h. A 13:00h., ata o 31 de maio.

O Concello explica que para o día dos exames (aínda sen data oficial), que se realizarán no Recinto feiral da Fundación Semana Verde en Silleda (Pontevedra), está previsto que dende o Consistorio se poña a disposición un autobús para as persoas inscritas nas probas”.
Desde o Concello preténdese “ofrecer oportunidade os seus veciños e veciñas de acadar a titulación necesaria para enfrontar nun futuro o mercado laboral”, polo que se buscan os medios necesarios para acadar esa formación, “como acontece tamén coas aulas para acadar a titulación da ESO que se desenvolven no local do Liceo e que levan desenvolvéndose ao logo dos anos”, explican fontes do Goberno local.
Na presentación, ademais dos responsábeis da formación acudiu o técnico en Orientación Laboral, Marcos Muíños e a responsábel de promoción económica Mari Carmen Figueira.