A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) compartiu detalles sobre o proxecto de sustentabilidade no que está mergullada (colaborando actividade e achegando a súa longa experiencia en dinamización comercial responsábel), un proxecto que pasa por ser o máis sobranceiro de cantos se están a levar a cabo arestora no territorio estatal.
A iniciativa ten por obxectivo, por unha banda, coñecer como traballan as empresas o desenvolvemento sustentábel e, pola outra, comprender como se poden potenciar e materializar aos compromisos que contén a Estratexia de Desenvolvemento Sustentábel 2030 (coa finalidade de involucrar ao sector privado na toma de decisións). “Cos datos aportados, contribuímos dende a ABE á elaboración do maior estudo na materia realizado en España”, sinalan dende a patronal boirense.

Ao abeiro do Pacto Mundial das Nacións Unidas
A orixe neste proxecto está na actividade xerada polo Pacto Mundial de Nacións Unidas, que lanzou un chamamento a tódalas empresas a participar dun exercicio que ten no devandito obxectivo duplo de recadar datos sobre como traballan as empresas o desenvolvemento sustentábel e como poden coller corpo os obxectivos da dita estratexia. A ABE xa realizou a súa contribución remitindo un completo informe das actuacións que realiza na materia ademais de completar unha pormenorizada enquisa aportando a súa visión sobre temas de sustentabilidade e de estratexia 2030. Como indica o presidente, Daniel García “cos datos subministrados pola nosa entidade contribuímos a elaboración do maior estudo na materia realizado en España o que supón un orgullo para a ABE e nos consolida como unha das entidades empresarias mais representativas do territorio”
Entrando en materia o xerente da ABE, Tomás Estévez explica que “dos 17 principios do Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel a ABE impulsa actividades ou presta servizos relacionados con 9 delas, dende a promoción da industrialización e o crecemento económico sustentábel e inclusivo ata a promoción do consumo responsábel a reciclaxe e a reutilización de materiais en liña cos procesos de economía circular, procesos ODS 8 e 12 respectivamente”
García insiste na idea principal do proxecto indicando que “as empresas son protagonistas decisivas para lograr un modelo produtivo, social e ambiental próspero para as persoas, o planeta e a economía e a ABE non pode ser allea a elo, por iso participamos activamente desta iniciativa”
O Pacto Mundial de Nacións Unidas é a iniciativa da ONU que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo, trátase dun chamamento ás empresas e ás organizacións a que aliñen as súas estratexias e operacións con dez principios universais sobre dereitos humanos, normas laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción. Conta co mandato da ONU para promover os ODS no sector empresarial. A iniciativa xunta xa máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais no mundo, entre as que se atopa a española que é unha das primeiras plataformas nacionais do Pacto Mundial e a rede local con maior número de entidades adheridas.