A novena edición do Noia Harp Fest volverá a traer á comarca, en agosto, aos máis sobranceiros virtuosos da arpa

Xa hai data de celebración oficial para a nova edición do Festival Internacional de Noia, o Noia Harp Fest, en palabras da organización “un certame musical único na súa especie”, ao non haber outro en toda Galicia e en toda a Península Ibérica centrado de xeito específico no instrumento da arpa. Será entre os días 3 e 7 de agosto, segundo confirmou o director artístico do evento NHF, o músico Rodrigo Romaní, quen presentou na mañá deste luns 18 de abril os detalles da nova edición do festival, que repite o seu alcance plenamente internacional, tal e como se desprende dos cabezas de cartel: nomes como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec. A estes artistas engádese a participación do grupo salmantino Trío Clepsidra, grazas á colaboración da Asociación Española de Arpistas (AEDA). Haberá concertos ao aire libre e máis nos interiores de recintos culturais da vila. Quen precise máis información do certame pode atopala como de costume na súa páxina web e nas redes sociais.

Outra das principais novidades deste Noia Harp Fest, grazas ao patrocinio de Noia Turismo, será a celebración da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra, “unha combinación atractiva e inspiradora da que non son abondosos os exemplos cos que contan os profesionais, solistas e orquestras”, apuntou Romaní. O galardón, que implicará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia na tempada 2022-2023. “É un luxo poder avanzar esta colaboración que, sen dúbida, afondará na singularidade do certame como exemplo de creación, contemporaneidade e dinamización cultural. Será unha excepcional ocasión para festexar o décimo aniversario do festival”, aseverou o director.

Na presentación tamén participou o concelleiro de Cultura e Turismo de Noia, José Pérez, quen salientou a proxección que ofrece o evento “ao situar Noia como un destino turístico para público familiar, para as e os amantes da música e, moi especialmente, para todas aquelas persoas con interese en gozar dunha experiencia única no corazón dunha vila medieval”.

Programación

Segundo engadiron, a novena edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia propón “un programa aberto á diversidade musical e estilística, na que o público poderá gozar da interpretación de artistas procedentes de Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia, ademais de numerosas intérpretes galegas”. Entre os nomes, destacada a presenza da arpista bretona Savourna Stevenson, quen se distingue polo seu particular e ecléctico impulso innovador para romper barreiras entre clásico, folk, raíz e jazz. A intérprete acompañarase do saxofonista Steve Kettley.

Outro dos concertos para subliñar na axenda será o do trío bretón Lune Blue, liderado por Clotilde Trouillaud, a prestixiosa arpista que está a revolucionar o xeito de entender a música na arpa na Bretaña. Trouillaud, que regresa ao Noia Harp Fest logo de ofrecer unha actuación moi destacada como solista na edición do 2018, brindará ao público un espectáculo cativador coa colaboración do guitarrista Erwan Bérenguer e do batería Jean-Maria Stephant.

Tampouco faltará á cita en Noia un dos países habituais e no que a arpa é o instrumento nacional: Paraguai. Desta quenda será o dúo Hermanos Corbalán -habituais no Festival de Edimburgo- o que conquiste, coa súa sutileza e virtuosismo, ao publico noiés. E de Sudamérica ao continente africano, o Noia Harp Fest percorrerá estilos e paisaxes sonoras. Unha das propostas máis singulares deste ano será a presenza do Kora Jazz Trio, banda senegalesa que destaca pola súa capacidade e orixinalidade na fusión musical e que conta cunha morea de fieis en países como Brasil, Xapón, Francia ou Alxeria.

Este verán o Noia Harp Fest tamén explora as relacións da música co audiovisual. Ese será o eixe da proposta que a arpista bretona Bleuenn Le Friec e o guitarrista noiés Rafa Fernández presenten no festival: unha conversa musical acompañada de vídeo-proxeccións. E alén da fusión, o festival tamén achegará o traballo de grandes figuras da música antiga, como é o caso da cantante polaca Paulina Ceremuzynska e o arpista compostelán Manuel Vilas; ou mesmo do alumnado que forma parte das diferentes escolas xuvenís de arpa de toda Galicia.

O programa completarase coa presentación de Tal como as nubes, o primeiro álbum en solitario de Beatriz Martínez, a figura máis relevante de Galicia no eido da arpa céltica. A intérprete, membro de SonDeSeu e do grupo Ghaveta, estará acompañada ao buzuki e á guitarra acústica por Diego Langarika.

Sedes e actividades

O Noia Harp Fest celebrarase nos escenarios habituais do festival, por exemplo a praza do Tapal ou a Igrexa de Santa María A Nova, mais tamén este ano o Teatro Coliseo Noela será un dos espazos referenciais. Nas vindeiras semanas a dirección do Noia Harp Fest dará a coñecer novas actividades complementarias “que completarán unha proposta consistente e redonda, que atenderá aos públicos especializados e a aqueles que se queiran achegar a Noia para descubrir unha cita musical única”, garantiu o director.

A novena edición Festival Internacional de Arpa Vila de Noia conta co patrocinio do Concello de Noia e coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e a distribuidora dixital de música Altafonte. Tamén apoian o evento o Liceo de Noia e a Asociación Terra de Outes.