A Lonxa de Ribeira foi a que máis produtos do mar comercializou co distintivo “pescadeRías” en 2021

14 Abril 2022

A Consellería do Mar fixo un balance da actividade xerada polo sector pesqueiro galego durante a COVID, un ámbito económico e produtivo que, segundo indica o departamento que dirixe Rosa Quintana, “resistiu mellor ca outras actividades económicas o impacto da alerta sanitaria polo coronavirus”. Proba desta evolución, engade a Consellería, é o selo de calidade dos produtos do mar pescadeRías, de onde se non? Así, os peixes e mariscos amparados por este distintivo aumentaron en 2021 case un 30% en relación co ano anterior, ata roldar as 14.400 toneladas, cifras semellantes ás rexistradas antes da pandemia. O papel máis destacado foi o da lonxa de Ribeira.

A Consellería engade que a mellora nos datos de produto comercializado con esta etiqueta (creada por Mar para garantir a frescura, orixe e sustentabilidade do peixe e marisco capturados pola frota artesanal) “viuse acompañada ademais dun crecemento tanto no número de entidades certificadas como adheridas ao selo, que veñen incrementándose de xeito constante desde a súa creación”.

Na actualidade hai 136 axentes certificados -lonxas e centros de primeira venda, centros de depuración e/ou expedición, distribuidores e empresas de transformación- así como 350 axentes adheridos, entre comerciantes polo miúdo, restaurantes e tendas online.

Bocareu na Lonxa de Ribeira

Mar salienta tamén no seu balance que entre as lonxas certificadas co selo pescadeRías destaca a de Ribeira, que “é a que máis produtos do mar comercializou con este distintivo en 2021, con preto de 2.400 toneladas”. De feito, o centro de primeira venda ribeirense puxo no mercado preto do 17% dos peixes e mariscos amparados por esta etiqueta, por diante de Noia, que roldou as 1.700 toneladas e preto do 12% do total. A continuación aparecen Malpica (1.480 toneladas), Corcubión (1.075 toneladas) e Portonovo, con máis de 970 toneladas.

Por especies comercializadas, hai dúas -a vieira e ostra- nas que toda a produción se vendeu baixo o selo pescadeRías, mentres que outras moitas acadan índices de arredor do 90% do total. É o caso do berberecho (máis de 1.500 toneladas), da ameixa xaponesa (máis de 1.400 toneladas) ou do polbo (944 toneladas), as especies con maior volume de ventas rexistradas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.