Suma Ribeira reitera a súa petición de favorecer a accesibilidade nas praias

Suma Ribeira defenderá de novo en pleno unha iniciativa a prol da acessibilidade e dos dereitos das persoas con problemas de mobilidade, co obxecto, nesta ocasión, “de que se corrixan as eivas nesta materia nos areais do concello”, sinalou a agrupación, engadindo que esta petición veu dada “logo de escoitar as demandas de moitas persoas que verán tras verán ven que non están en condicións de igualdade co resto dos veciños e veciñas para desfrutar das praias da zona”.

Asemade, Suma Ribeira pretende con esta proposta “volver poñer enriba da mesa a necesidade de que se implemente de forma urxente un Plan de Accesibilidade Universal no municipio” e fai súas as críticas que segundo indica a agrupación “lles fixeron chegar moitas persoas con problemas de mobilidade” que, en palabras de Suma Ribeira, “están fartas de ver cantas iniciativas aprobadas nesta liña finalmente quedan en papel mollado”. A plataforma lembra neste senso a proposta debatida en maio de 2021, que “xa incluía entre os seus acordos unha serie de actuacións nos areais e a conversión de Ribeira en Destino Turístico de Integración”. Esta proposta, denuncia o grupo, “foi finalmente substituída a través dunha emenda do PP que botaba man de discursos xenéricos e fuxía de compromisos concretos, emprazando á Corporación municipal a acelerar a posta en marcha e actualización, se fose o caso, do Plan de Accesibilidade Universal 2016-2026”.
Estes son os puntos da proposta de Suma Ribeira:

1. “Facer un estudo que teña en conta as posibilidades e distribución xeográfica das praias de Ribeira, para establecer prioridades cronolóxicas na dotación dunha accesibilidade total e real”.

2.”Que se dean os pasos necesarios para que este ano goce de accesibilidade integral, cando menos, unha praia do entorno”.

3. “Compromiso de incorporar anualmente orzamento suficiente para ir sumando praias accesíbeis con autonomía total, priorizando a consecución de axudas de outras administracións”.