Ribeira rendeu homenaxe a dezaseis mulleres axentes da Policía e a Garda Civil

Na mañá deste 8 de marzo celebrouse en Ribeira un dos actos conmemorativos principais da cidade co gallo do 8M, Día Internacional da Muller. Foi, como estaba previsto, unha sentida homenaxe a dezaseis mulleres integrantes das forzas e corpos de seguridade con presenza no municipio. O acto celebrouse no salón de plenos do Consistorio e no exterior. O Concello quixo honrar o imporante labor que desempeñan estas mulleres no municipio, procedentes de Ribeira e doutros lugares, ao mesmo tempo que reivindicou a necesidade de acadar a plena equiparación de dereitos e oportunidades profesionais.

Foron dezaseis en total as mulleres homenaxeadas, pertencentes á Policía Nacional, a Policía Local e a Garda Civil, das cales trece estiveron no evento de xeito presencial e tres de maneira telemática. O acto contou coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz; a subdelegada do goberno, María Rivas; e a concelleira de Servizos Sociais, Promoción Social, Igualdade e Diversidade, Ana Barreiro (encargada de abrir o acto); así como de Noelia Pago Latorre, inspectora responsábel da Oficina de Dereitos Humanos e Igualdade en Galicia; e da comisaria María Dolores López Sánchez, xefa da Área de Dereitos Humanos e Igualdade, esta última conectada dende Madrid.

Intervención de Noela Pago por vídeo-conferencia

Pago Latorre lembrou que “mentres a institución da Policía Nacional ten 198 anos de historia, a presenza de mulleres na mesma só leva 42 e que hoxe arredor do 85% do persoal está formado por homes, o que fai que sexa unha organización eminentemente masculina”. E engadiu: “Coa creación da oficina da que son responsábel preténdese levar a igualdade e os dereitos humanos a toda a estrutura policial e a toda a sociedade e con tal motivo puxéronse moitos proxectos en marcha como o protocolo de violencia de xénero”. Seguindo este fío Noelia Pago comentou algúns logros acadados pola oficina, como “que se suprima a partir do ano que vén a estatura como requisito para aspirar a ser axente da Policía Nacional, xa que mentres o 80% dos homes tiña a altura requirida, unicamente un 20% de mulleres podería acceder”. Tamén informou de que en Galicia o corpo conta con 2.805 efectivos, dos cales 379 son mulleres (un 13,5%) e en Ribeira, dos 54 efectivos 8 son mulleres (o 14,8%).

Diploma a María José Rial, a axente máis veterana da Policía Local

Logo da intervención de Noelia Pago procedeuse ao nomeamento de todas homenaxeadas e a entrega de diplomas antes de dar paso ás intervencións institucionais.

María Pérez agradeceu o labor das mulleres que velan pola nosa seguridade e liberdade e como nota reivindicativa lembrou que “aínda que estamos no bo camiño queda moitísimo por facer”.

Pola súa banda, o alcalde Manuel Ruiz comentou que “o feito de ter que celebrar este día nos di realmente onde estamos e o moito que nos queda por ir adiante”. Como pasos impulsados polo Concello cara esta dirección debullou algúns como o IV Plan de Igualdade que está desenvolvendo o Concello ou o compromiso de adherise ao Sistema VioGén (Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero) en canto se incorporen os catro novos axentes de Policía Local logo de culminar as probas de acceso que a Xunta está a coordinar.

O acto concluíu cunha foto de grupo na praza do Concello.