O PSOE de Ribeira, a través do concelleiro José Manuel Suárez-Puerta Sirgado, presentou un unha emenda para o pleno da Corporación relativa á situación económica e social pola que están a pasar a cidadanía e as empresas neste intre de crise política e enerxética derivada en boa medida da guerra perpetrada por Rusia. Trátase dun decálogo de medidas co obxectivo de “facer fronte á situación de emerxencia derivada da guerra de Ucraína e axudar a paliar as súas consecuencias, sobre todo ás persoas e sectores máis afectados e a aquelas que viven en situación de vulnerabilidade”.

Na raizame das propostas atópanse cuestións como o custe da electricidade, do combustíbel e das materias primas de determinados produtos, custe que vén de descontrolarse definitivamente “porque Rusia é un dos principais fornecedores de gas e petróleo para Europa, mentres que Ucraína é un dos principais produtores de cereais e aceite de xirasol”.
Os socialistas din que se “a este contexto se suman os efectos negativos de dous anos de pandemia, aparece un horizonte escuro para a economía que ameaza a ansiada recuperación económica”.
Estas son as medidas para presentar á Xunta achegadas pola agrupación de Ribeira:
1. Redución das peaxes das autoestradas de titularidade autonómica. Baixada das tarifas nun 75% para os profesionais do transporte e nun 50% para o resto dos usuarios. Impulsar que o Goberno de España negocie coas concesionarias, nomeadamente a da AP-9, unha baixada similar nas autoestradas de titularidade estatal.
2. Rebaixa nas taxas da ITV (competencia da Xunta de Galicia). Redución das tarifas da inspección técnica de vehículos nun 75% para os profesionais do transporte e nun 50% de media, con carácter progresivo, para o resto dos usuarios.
3. Plan de axudas dirixidas a autónomos e profesionais para compensar o aumento de custes do transporte. Posta en marcha dunha liña de axudas urxentes para axudar a costear a alza dos combustíbeis nos sectores da pesca, da agricultura e a gandería. Colaborar co Goberno de España para rebaixar a imposición sobre hidrocarburos, ben mediante a actuación sobre o Imposto Especial de Hidrocarburos, ben mediante a aplicación dun IVE a tipo reducido.
4. Impulsar o cambio na regulación do mercado eléctrico que faga posíbel desvincular o prezo da enerxía eléctrica para familias e empresas do prezo do gas, facendo realidade unha rebaixa significativa do custe da electricidade, así como demandar a redución das peaxes na rede eléctrica e de gas.
5. Identificación e impulso lexislativo para determinar, por parte da Xunta de Galicia, os proxectos estratéxicos dirixidos a elevar a autosuficiencia enerxética a baixo custe tanto para ámbito doméstico como para o aprovisionamento industrial. Impulsar desde a propia Administración autonómica un instrumento financeiro de participación e liderado no desenvolvemento de proxectos estratéxicos.
6. Redución das tarifas portuarias nun 75% tanto no que se refire a Portos de interese xeral como aos xestionados pola Xunta de Galicia.
7. Modificar os Orzamentos da Xunta de Galicia para aprobar un plan social de axudas ás familias máis vulnerábeis, triplicando a partida orzamentaria dedicada ao bono social eléctrico, pasando de 1,9 a 6 millóns de euros, o que permitía incrementar de 5.000 a 15.000 o número de familias vulnerábeis beneficiarias.
8. Reformulación da Tarxeta Básica da Xunta coa finalidade de incorporar nesta prestación ás familias de persoas refuxiadas procedentes de Ucraína.
9. Demandar da Xunta unha redución no tramo autonómico do IRPF para aquelas persoas non obrigadas a presentar a declaración da renda, pero cuxos ingresos si están suxeitos a retención e negociar co Estado unha rebaixa paralela.
10. Que a Xunta, a través do IGAPE, habilite un fondo de avais e de liquidez que garanta a viabilidade de empresas afectadas polo peche de mercados en Rusia e Ucraína. Colaborar coa rede exterior na identificación de novos mercados para o aprovisionamento de cereais e outras producións que poden ver interrompido o subministro a causa da guerra.