O PP da Pobra reclama apoios directos e urxentes para as asociacións locais neste contexto de crise

O Partido Popular da Pobra, a través do seu portavoz Manuel Durán, presentará ao pleno da Corporación unha proposta relativa ás axudas aos clubs e asociacións do concello. Segundo expón a agrupación, “as consecuencias da pandemia e a actual crise económica van máis alá dos aspectos sanitarios e económicos, producindo repercusións, tamén, nos ámbitos deportivos, sociais, asociativos e organizativos da sociedade”.

Para o PP da Pobra, resulta crucial “recuperar, manter e dar visibilidade aos clubs, entidades e asociacións que constitúen o tecido social do noso municipio, para que o seu labor sexa potenciado, teña meirande visibilidade como exemplo a seguir e lles permita dar continuidade a este traballo abnegado realizado durante moitos anos”. Esta petición do grupo non iría só en beneficio das entidades deportivas e culturais, senón tamén doutras de vital importancia para A Pobra, como a a Asociación de Amas de Casa ou a Asociación de Empresarios.

Por todo o devandito, a moción do PP inclúe os seguintes puntos:

-Dotar dunha partida nos orzamentos cun importe a definir de común acordo cos clubs, que permita a realización de distintas probas, campionatos e actividades que os colectivos e asociacións estimen oportunos para dar visibilidade ao enorme traballo e esforzo que realizan, así como para recuperar as accións que realizan no seu local as persoas integrantes da Asociación de Amas de Casa e manter a actividade da Asociación de Empresarios no municipio.