Luís Pérez Barral é o novo voceiro do BNG en Ribeira

A asemblea do BNG en Ribeira celebrada o pasado sábado decidiu, por unanimidade, renovar a súa dirección política situando a Luís Pérez Barral como voceiro do grupo municipal, a Cruz Rivadulla Márquez como concelleira e a Xabier Vidal Peón como o novo responsábel local.

O ata agora voceiro, Xosé Vázquez Cobas, deixa a portavocía e pasa a formar parte da dirección local “á que achegará a súa valiosa experiencia”, informaron fontes do BNG, engadindo que tanto a deputada Rosana Pérez como o novo portavoz, Luís Pérez Barral, agradeceron o seu traballo nos últimos 10 anos, lembrando “que se fixo cargo da portavocía nunhas circunstancias que nada teñen a ver coas actuais e que, no entanto, foi quen de superar e mesmo de manter unha actividade municipal moi digna, sen dúbida fixo e seguirá facendo un grande traballo dentro do BNG”.

A deputada Rosana Pérez destacou na súa intervención que hoxe o BNG é unha organización forte e formado por persoas “que queremos o mellor para o noso país e para os nosos concellos”. Segundo Pérez Fernández, “o obxectivo é sumar persoas ao proxecto que liderarán Luís e Xabier, para propiciar ese cambio que ten que deixar atrás á Ribeira en pequeno do Partido Popular e pasar á Ribeira en grande do BNG”.

Pérez Barral, acompañado do Consello Local e respaldado pola deputada do BNG Rosana Pérez, agradeceu o apoio e confianza que a militancia depositou nel para liderar o BNG. Barral asume esta nova responsabilidade con “optimismo” e asegura que “vou dar o mellor de min mesmo para abrir un tempo novo de futuro e de esperanza en Ribeira”. Desde o BNG tamén destacan como aspecto positivo que se incrementa o Consello Local coa incorporación de Xabier Vidal á cabeza, Cruz Rivadulla, Daniel Couto e Carmen Lampón.

Construír un proxecto gañador e de maiorías

Barral avanza que abrirá “un diálogo con todo o mundo”, sumando cada vez máis persoas de todos os ámbitos e de todos os sectores “que permita fortalecer, aínda máis, o BNG e ensanchar a súa base social”.

“Temos a responsabilidade de construír un proxecto gañador para a maioría porque moita xente ve en nós a alternativa que Ribeira precisa”, asegurou. “Ribeira é unha localidade con moito potencial e con xente extraordinaria polo que temos a obriga de acertar para ofrecer solucións aos problemas do día a día que impactan de cheo nas familias, na clase traballadora, nas persoas autónomas, nas pequenas e medianas empresas”.

Militante dende 2010

Naceu en Ribeira en 1990, é graduado en Lingua e Literatura Galegas pola USC, título que sacou ao tempo que traballaba na hostalaría.

No plano laboral, Luís compatibilizará esta nova responsabilidade co seu traballo actual de empregado público na Administración Local, co cal renunciará á asignación e non percibirá dedicación do Concello de Ribeira.

No plano político, Luís milita no BNG dende 2010. Durante a súa traxectoria asumiu diversas responsabilidades, como ser responsábel do BNG no Barbanza ou ser membro do Consello Nacional.