Gonzalo Trenor e Eloína Núñez verifican en Rianxo as melloras feitas no Centro de Saúde

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e Eloína Núñez xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, estiveron este 17 de marzo en Rianxo para supervisar as obras de reforma realizadas no Centro de Saúde local, obras que contan cun investimento de máis de 45.000 euros. Así mesmo, mantiveron un encontro cos profesionais do Centro de Saúde con motivo da recente posta en marcha da cobertura de Hospitalización a Domicilio para a poboación de Rianxo (o servizo HADO de Rianxo).

En canto ás obras, instalouse un novo sistema de climatización para minimizar o consumo enerxético e controlando o confort de cada zona, substituíuse o peche frontal da sala de caldeiras, reparáronse os patios interiores e renováronse os estores, ademais da colocarse un rótulo exterior identificativo do Centro de Saúde. Amais, inclúese a división da zona de arquivo para crear dúas novas consultas.

Trenor salientou este apoio económico da Xunta para “mellorar a calidade asistencial do centro e facilitar o seu uso por parte dos veciños” e “destacou o esforzo inversor por parte do Goberno galego para acondicionar o edificio municipal no que se presta o servizo sanitario aos veciños de Rianxo”.

Trenor apuntou tamén que na área sanitaria de Santiago o pasado ano realizáronse obras de mellora nos centros de saúde coruñeses de Boiro, Brión, Dodro, Mesía, Outes, Rianxo, Tordoia, Val do Dubra e en Santiago de Compostela en Vite, Fontiñas e Concepción Arenal (86.785 €) por un importe de máis de 422.000. Máis concretamente, na zona do Barbanza as actuacións de mellora realizáronse nos centros de saúde de Boiro, Outes e Rianxo e supuxeron un investimento de máis de 118.713 euros.