En Ribeira centos de persoas asinan a proposta do BNG para reforzar Correos e que a oficina abra polas tardes

O BNG valora positivamente a recollida de sinatu para que a empresa pública Correos garanta un servizo de calidade e accesíbel para toda a poboación das zonas urbanas e rurais.

Case medio millar de persoas se achegaron ao posto que o Bloque instalou na rúa de Galiza na que a xente puido asinar a petición na que reclaman un reforzo do persoal e que a oficina abra polas tardes.

Desde o Bloque Nacionalista Galego cren preciso establecer unha estratexia en prol do mantemento da actividade de correos, especialmente en sectores relevantes como a distribución de paquetes que agora realiza Correos Express, para o que opta de forma crecente pola contratación de persoas autónomas. Para o portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, “este tipo de actuacións son, no fondo, unha maneira de privatización xa que se baleira de clientes a empresa matriz no canto de apostar por realizar tódolos servizos con persoal propio, cuestión que permitiría manter e mellorar o servizo público universal de correos”.

Ribeira é un concello cabeceira da comarca da Barbanza e conta cunha poboación de case 27.000 habitantes, esta poboación aumenta sensibelmente no período estival. Pérez Barral é claro: “xa coa poboación que presenta o concello sen contarmos os incrementos estacionais, é necesario contar cun servizo de correos moderno, eficiente e dimensionado”.

De se aprobar a proposta do BNG, ademais de xerar novos postos de traballo, redundaría en beneficio da veciñanza de Ribeira, facilitaría unha atención máis cómoda, un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades actuais, con menor tempo de agarda e facilitando unha mellor organización do traballo das empresas, do comercio e das persoas usuarias. Ademais do anterior os nacionalistas detectan que no período de vacacións ou baixas médicas hai ausencias que non se cobren polo que necesario que se cubran a totalidade dos servizos.

Estas dúas demandas seránlle trasladadas ao deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para que tamén na Cámara Baixa se inste ao goberno estatal a mellorar o servizo postal e de atención presencial.