En Ribeira a liquidación do orzamento de 2021 achega un remanente de máis de 2,6 millóns

O alcalde ribeirense Manuel Ruiz aprobou o decreto de liquidación do orzamento municipal de Ribeira correspondente ao exercicio do 2021. O orzamento, dixo, “evidencia unha vez máis a boa saúde financeira da Administración local”.

Segundo debullou, os fondos líquidos do Concello ascendían a 31 de decembro de 2021 a 8.635.934,50 euros e o resultado orzamentario axustado (é dicir, “a diferenza entre os dereitos liquidados durante o exercicio e as obrigas recoñecidas durante ese mesmo período”) arroxou un resultado positivo de 1.652.228,89 euros.

Ademais, engadiu que no que se refire ao remanente xeral de tesourería, este foi de 17.772.657,97 euros, mentres que o remanente axustado para gastos xerais se elevou ata os 5.762.410,94 euros.

“Tales cifras permiten a incorporación ao presente exercicio dun remanente de crédito que ascende a 2.636.503,66 euros, o que posibilitará entre outras iniciativas a concesión de novas axudas ou a financiamento de actuacións en beneficio da cidadanía”, informaron fontes do Concello.

Entre estas actuacións figuran proxectos tan destacados como a creación dun novo Espazo Urbano Deportivo Xuvenil na zona do Touro (que incluirá unha pista de skate que está sendo deseñada polo arquitecto especializado Daniel Yabar), a adecuación do antigo Pub Tótem como nova Escola de Ballet, a apertura dunha nova vía de conexión entre a rúa Barbanza e a rúa Estatuto por detrás do novo Auditorio, ou seguir realizando obras de accesibilidade e accións de embelecemento e humanización de espazos públicos.