CONGALSA comparte na sede de Ambar as claves da súa responsabilidade empresarial e social

Unha das sobranceiras e innovadoras galegas de alimentación, CONGALSA, centrada en produtos do mar, visitou este 23 de marzo as instalacións en Ribeira da asociación de persoas con diversidades funcionais Ambar. A persoa encargada de mostrar o día a día da actividade da compañía, e tamén o seu forte compromiso en materia de responsabilidade empresarial e social, foi Juan Carlos Rama, director de Recursos Humanos de CONGALSA.

Durante a xornada, Rama compartiu a súa visión e experiencia na empresa, multinacional presente en máis de 29 países, líder de produtos precociñados e con centro de operacións no Polígono da Tomada (A Pobra) e máis en Ribeira, na factoría de Deán.

O eixe principal do encontro foi o compromiso de CONGALSA por mellorar a calidade de vida das persoas que forman parte do seu equipo pero tamén da comunidade. Segundo fixo saber Rama, os piares que definen este compromiso da empresa son, entre outros, unha firme actitude positiva, o traballo en equipo, o respecto polo medio ambiente e máis o obxectivo de fomentar na sociedade a alimentación saudábel. Ademais falouse de como son os seus procesos de selección e da importancia da empregabilidade das persoas con diversidade funcional.

Á xornada asistiron os e as alumnas da formación sobre industria alimentaria e comercio que Ambar esta impartindo nas súas instalacións, grazas ao financiamento da Fundación ONCE, no programa Uno a Uno do POEJ e POISES co-financiados polo Fondo Social Europeo.

Tamén estiveron presentes en representación de Ambar: Milagros Rey, presidenta da asociación, Helena Teira, coordinadora xeral de Ambar, Alicia Romero, coordinadora da área administrativa de Ambar, Daniel Tojo, orientador laboral, Ángeles Sampedro, técnica de emprego, e Raquel Riveiro e Inés Abad, docentes das formacións. Esta xornada enmárcase nun ciclo de conferencias con empresas inclusivas polas que xa pasaron representantes das empresas Clece, Covirán, Grupo TRAGSA e Nosa Arousa.