ADISBISMUR, a asociación de persoas con diversidades funcionais ou motrices da comarca de Muros, vén de comunicar a posta en marcha dun novo invernadoiro, dirixido a facilitar a formación das persoas integrantes da entidade en materia de horticultura e labores agrícolas. O invernadoiro serviu de complemento ao un programa financiado pola Fundación ONCE e a Consellería de Política Social, a través do cal ADISBISMUR capacitou a 15 persoas na práctica dos cultivos ecolóxicos. Na nova instalación a comunidade de ADISBISMUR poderá levar a diante o aprendido na etapa formativa e noutras actividades vindeiras relacionadas coa mesma temática. En palabras da asociación, o novo invernadoiro representa “unha oportunidade de inclusión sociolaboral para as persoas usuarias do centro de Valadares, en Outes”. A estrutura será destinada para o cultivo ecolóxico de hortalizas variadas que serán comercializadas no mercado de proximidade.

Programa de horto ecolóxico
Como dixemos, esta nova instalación para o cultivo forma parte dun programa de horto ecolóxico, un proxecto formativo en agricultura ecolóxica, financiado por Fundación ONCE e a Consellería de Política Social, no que participaron 15 persoas. Ao remate desta formación, dúas persoas lograron o seu primeiro emprego.
Este novo invernadoiro únese aos outros catro que a entidade empezou a construír hai máis de dez anos, cando bota a andar a actividade de viveirismo. A través destes obradoiros de viveirismo e agricultura ecolóxica a asociación busca proporcionar “unha mellor calidade de vida ás persoas usuarias que a diario acoden ata o centro Valadares, potenciando as súas capacidades e superando as súas debilidades, prestando os apoios que necesiten, tanto no centro como fóra del”.

A nova estrutura é un equipamento multitúnel de policarbonato de 432 m² de superficie, con medidas de 24×18 metros nos que se van plantar, en primeiro lugar, plantas leguminosas como chícharos e tirabeques ademais de tomate, para “ir analizando o comportamento e fertilidade da terra, que non foi tratada anteriormente”.
