O Motoclub Os Reventapistóns vai organizar o sábado 9 de abril a cuarta edición da súa Kedada. A cita foi dada a coñecer este 25 de marzo por tres integrantes desta entidade (Aurora Gómez, Sandra Hermo e Johnny Romay) xunto cos concelleiros Javier Sampedro e María Sampedro, xa que o Concello colabora no evento.

A cita arrancará ás 15 horas cunha pinchada de benvida na Cantina do Náutico para dar paso ás 17.10 horas a unha saída mototurística que concluirá chegando á explanada portuaria de Ribeira ás 17.40 horas para degustación de pinchos nos bares Bahía, Fiestra, Snack, Xantar de Pepe e Facho. Xa ás 19.20 horas na zona de Capitanía terá lugar unha gran degustación de mexillóns de Conservas Nosa e unha pinchada na Tasca do Barbanza.
O “prato forte” chegará ás 19.40 horas cun gran espectáculo de Trial Indoor con Marcel Justribó e Jordi Pascuet, ex-pilotos do Mundial de Indoor aos que, segundo se fixo saber na rolda de prensa, podemos ver nun vídeo en Youtube que serve de adianto do seu bo facer en materia de acrobacias.
Xa a partir das 21.30 horas as persoas asistentes poderán desfrutar dunha sesión DJ no Parque García Bayón con DK Matrek. Colaboran Karallo 29, Carballoso e Airoa.
Aurora Gómez falou no nome da organización, tivo palabras de agradecemento cara o Concello pola súa colaboración e destacou o papel do presidente de Os Reventapistóns, Iván Olveira, na confección do programa.
Pola súa parte tanto Javier Sampedro como María Sampedro convidaron á veciñanza a que “arroupe coa súa calor presenza esta quedada”, na que “de cumprirse as previsións”, agárdanse non menos de trescentas motos.