O venres 25 de marzo celebrouse en Noia a presentación dos detalles do proxecto para construír a nova rotonda no lugar de A Barquiña; unha actuación destinada a mellorar a seguridade viaria e a mobilidade na contorna. No acto, no que se presentou a licitación do proxecto, fíxose saber que outro dos obxectivos é renovar as beirarrúas dende a nova rotonda até a Alameda. Trátase dunha actuación que vén cun investimento de 1,15 millóns de euros.

o acto xunto a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, estiveron o delegado Territorial, Gonzalo Trenor, o Alcalde, Santiago Freire, a deputada autonómica Ana Belén García, e os concelleiros Marisol Villar, Laura Salgado e Martín Fernández.
A conselleira avanzou que o obxectivo é iniciar as obras no mes de setembro para que poidan estar rematadas no verán do vindeiro ano, ao ter un prazo de execución de 10 meses. As empresas interesadas neste contrato teñen ata o 20 de abril para presentar as súas ofertas.
Destacou que con estas obras, que atenden unha demanda do Concello, “os veciños de Noia terán á súa disposición unha nova glorieta no cruce da Barquiña e disporán de beirarrúas renovadas e dun itinerario peonil accesíbel por unha das marxes desta estrada autonómica AC-550”.
En concreto, búscase reforzar a seguridade viaria da intersección en cruz entre a AC-550 e a estrada provincial de acceso ao porto da Barquiña, á altura do Eroski, no quilómetro 71+100. Para iso, habilitarase unha nova glorieta de 26 metros de diámetro, cunha illa interior de 2 metros, calzada de carril único de 6 metros e beiravía interior e exterior. “O trazado ten moi en conta a presenza de numerosas vivendas na contorna”, sinalou a conselleira.