A Asociación de Empresarios de Ribeira convocou este mércores 16 de marzo unha reunión cos representantes de tódolos partidos políticos do concello, co obxectivo de afianzar colaboracións futuras e presentar as propostas das actividades que se pretenden levar a cabo durante o ano 2022 dende a patronal.

Á reunión asistiron representantes do BNG, PSOE e Suma Ribeira. O presidente da asociación, Francisco Martínez Gude, debullou os detalles das campañas de dinamización destinadas a impulsar o desenvolvemento económico da industria, o comercio e a hostalería do termo municipal ribeirense, aproveitando para solicitar o apoio dos distintos partidos políticos e acadar deste xeito os maiores obxectivos. O presidente tamén lle transmitiu as inquedanzas de moitos dos asociados en relación a diferentes temas como os aparcamentos en Ribeira, as taxas das terrazas na hostalería ou os cambios na iluminación, entre outros asuntos.
A patronal destacou nesta reunión “o talante de colaboración” e de “apoio” de todos os grupos participantes ás actividades presentadas pola Asociación de Empresarios.