Xa está o operativa a Aula Sostible do Freixo

O ano 2022 comezou en Outes cunha novo inmóbel operativo para a veciñanza: a Aula Sostible do Freixo, situada nas renovadas instalacións da Escola da Moa. Segundo confirman dende a Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros e Noia e máis o Concello, a aula xa está lista para o seu uso logo dun investimento próximo aos 50.000 euros, financiados polo GALP (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia. Costa Sostible).

Destinarase a centro de transformación do lixo plástico mariño, no marco do proxecto liderado pola devandita asociación, do que é socio o Concello de Outes, e no que tamén participativa activamente a Asociación Misela, tal como informamos onte neste medio. Amais, acollerá outras actividades, en particular relacionadas co medio ambiente, abertas á veciñanza de Outes e da comarca.

As instalacións foron estreadas o pasado venres 28 de xaneiro, cunha reunión na que participaron todas as entidades promotoras e socias do proxecto Aula Sostible no local do Freixo. A xornada serviu para organizar a proposta de actividades dos vindeiros meses.

Por parte da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros Noia asistiron Adela Lestón e Paz Creo, que se sumaron a Manuel González, alcalde do Concello de Outes e a persoal técnico das entidades Asociación Misela – Vogavoga.misela, ADISBISMUR e A Creba Saúde Mental.

Na xuntanza afondouse no traballo das redeiras de Nasas Meiramar e de Fair Enough, que forman parte do proxecto como entidades fornecedoras de servizos.

En breve as entidades achegarán máis información sobre as actividades da segunda quincena de febreiro. Poderemos velas no espazo de Facebook da Aula Sostible.