
Os Bombeiros de Boiro tiveron que facer uso do material de excarceración para retirar unha das portas dun dos vehículos e poder evacuar ao seu condutor.
Unha persoa particular foi quen, ás 14:30 horas deste xoves, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. No seu relato, informaba dun choque entre dous vehículos na AG-11, punto quilométrico 14, en Asados, á altura da localidade de Rianxo, dirección Ribeira. Aseguraba que podía haber algunha persoa atrapada. No transcurso da chamada, tamén outros particulares contactaban co 112 para informar do mesmo accidente, indicaban ademais que un dos vehículos estaba envorcado na beiravía da Autovía.

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron decontado os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Boiro, dos axentes de Tráfico, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da localidade. Igualmente, foron informados o persoal de mantemento da Autovía. De feito, foi preciso interromper un carril de circulación mentres os servizos de emerxencias traballaban no punto.
Con todo, unha vez liberada e evacuada a persoa polos profesionais sanitarios, o persoal de mantemento da Autovía, confirmou ao 112 Galicia que a estrada quedara completamente despexada e habilitada ao tráfico.