O Concello de Ribeira vai celebrar o Día de Rosalía (este 23 de febreiro) cunha función escolar e unha lectura poética aberta á cidadanía. Esta proposta cultural por partida dobre vén da man do Servizo Municipal de Dinamización Lingüística e a Concellería de Educación.

Respecto da función, celebrarase na mañá do 23 no Auditorio Municipal e nela participarán nenas e nenos de 5º de Primaria. Trátase da obra Rosalía”de Culturactiva, baixo a dirección de Fina Calleja. Nela, as actrices Rocío González e Cristina Collazo dan vida vida a unha Rosalía coas súas ilusións, os cambios que na vida trae facerse maior, a rebeldía, a curiosidade… Unha nena que será a nosa maior escritora.

E pola tarde a partir das 20.00 hora será toda a cidadanía quen participe na lectura pública dos versos da autora. Para participar só é preciso que as veciñas e veciños se acheguen á praza do Concello onde se lles porá e un micrófono ao seu dispor. Acompañando a lectura estará o gaiteiro Alberto Millán que comezará a súa actuación coa Alborada de Rosalía e seguirá coas pezas de gaita máis representativas da nosa música tradicional.
23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro
-11.30 h
Auditorio Municipal
Rosalía de Culturactiva para público escolar
-20.00 h
Praza do Concello
Lectura pública dos versos de Rosalía de Castro
Acompañará o acto o gaiteiro Alberto Millán