Portos habilita en Rianxo novos peiraos flotantes con 171 prazas

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten en execución as obras de reordenación, reforma e mellora dos peiraos flotantes (pantaláns) no porto de Rianxo. O ente público investiu máis de 200.000 euros nestes traballos, que están xa executados na súa maior parte. As obras inclúense dentro dunha actuación conxunta coas dársenas de Sada e A Pobra do Caramiñal e que conta cun orzamento en 2 millóns de euros.

Esta acción, en palabras de Mar, “ten como obxectivo a modernización das instalacións aboiantes mellorando a seguridade e accesibilidade ás embarcacións, ademais de optimizar a utilización das augas abrigadas”.

En concreto, no porto de Rianxo habilitáronse 77 novos fingers que habilitan un total de 171 prazas e permiten a eliminación do tren de fondeo.

Amais, renovouse integralmente o pavimento, aplicando madeira tecnolóxica nos peiraos flotantes e na pasarela, e instaláronse escaleiras abatíbeis e unha baliza ao final de cada estrutura así como un sistema de apertura das portas con móbil. As obras tamén incluíron a limpeza dos flotadores e o saneamento dos pilotes. Finalmente está prevista unha lixeira ampliación dos pantaláns pesqueiros.