O Pequeno Entroido de Ribeira inclúe unha ruta-concurso de tapas na hostalería local

O Concello de Ribeira presentou este venres 11 de febreiro os detalles dunha das grandes actividades coas que vai conmemorar o Entroido 2022. Falamos da ruta de tapas polos establecementos hostaleiros locais. A iniciativa, impulsada dende o Consistorio en colaboración coa hostalería de Ribeira, desenvolverase a fin de semana os días 5 e 6 de marzo, en horario de 12.00 h a 15.00 e cun custo de 2,50 € cada tapa. Culminará cun concurso no que se premiará as mellor contribución.

Na ruta de tapas gastronómica poderán participar todos os establecementos de hostalería e restauración do concello de Ribeira que se adscriban a este proxecto.

A temática será a poder ser vencellada ao Entroido (uso de produtos de entroido como orellas, chourizo, cocido, melindres,…) dispoñendo neste ámbito os locais participantes de total liberdade creativa.

Para participar nesta ruta os locais hostaleiros deberán inscribirse antes das 23:59 horas do día 14 de febreiro de 2022 nos seguintes contactos: 686 58 70 00 e turismo@ribeira.gal.

Os locais inscritos nesta ruta de tapas deberán enviar unha fotografía da consumición que van a servir nesta ruta indicando o nome do establecemento e da tapa que presentan. Todas as imaxes publicaranse na páxina web do concello e nas redes sociais.

A data límite para a recepción da fotografía será o xoves 3 de marzo do 2022 ata as 23:59 h no enderezo electrónico turismo@ribeira.gal.

Haberá un único premio para os locais hostaleiros participantes, que consistirá nun agasallo conmemorativo e nun diploma que se outorgará polo recoñecemento á mellor tapa do Pequeno Entroido 2022. As votacións serán emitidas por votación popular a través da clientela dos establecementos participantes, emitindo o seu voto nas papeletas que haberá en cada local que tome parte desta ruta.

Resultará gañador o establecemento que obteña o maior número de votos tras o reconto do xurado.

Presentación dun cocido galego nunha imaxe de Bon Viveur