O novo PIE de Amicos persegue a inserción laboral dun centenar de persoas desempregadas

24 Febreiro 2022

Amicos celebrou este xoves 24 de febreiro a presentación da segunda convocatoria do Programa Integrado de Emprego (PIE) no Auditorio Municipal de Ribeira. Este ano, segundo fixo saber a asociación comarcal a prol das persoas con diversidades funcionais e cognitivas, participan no programa de mellora da ocupabilidade e a inserción laboral un total de 100 persoas en situación de desemprego. En concreto, o obxectivo da nova edición do PIE é acadar, como mínimo, un 45% de inserción laboral. O programa está financiado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

No acto estivo presente Judit Fontela, xefa territorial de Emprego e Igualdade, e Gonzalo Trenor, delegado territorial da Xunta de Galicia en Coruña. Trenor destacou que este programa é “un dos mellores e máis efectivos para mellorar a empregabilidade”. Engadiu: “Este PIE é moi especial para a Xunta de Galicia porque combina a perfección o fomento da formación e o emprego, a formación dos desempregados e a busca da igualdade entre os homes e as mulleres”. O delegado territorial rematou a súa intervención agradecendo o traballo de Amicos por “facer posíbel todo isto unha vez máis” e desexando que “esta nova experiencia” axude aos participantes “a seguir crecendo no mercado laboral e na vida persoal”.

Pola súa banda, Xoan España, director xeral de Amicos, quixo dar as grazas a todas e a todos “por esforzarse día a día para alcanzar a inserción laboral” e realizou un balance dos resultados acadados durante o ano pasado para establecer as metas do Programa Integrado de Emprego 2021-2022.

Participantes de cinco concellos do Barbanza

Os participantes no programa, que estará activo ata o 22 de novembro de 2022, son homes e mulleres de Ribeira, Boiro, A Pobra, Noia e Porto do Son. Todas as persoas participantes recibirán o apoio e seguimento continuado do equipo técnico de orientadoras do PIE para facilitar o acceso a oportunidades de traballo.

Os perfiles seleccionados son: 26 persoas desempregadas con discapacidade, 35 persoas desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación, 26 mulleres desempregadas con dificultades de conciliación, 11 homes desempregados maiores de 45 anos e 2 homes desempregados perceptores de prestación.

Unha das participantes, Laura Castro Gómez, foi a encargada de conducir o acto, no que estivo presente xunto aos seus compañeiros e compañeiras. Entre elas encontrábase Yolanda Tarela que relatou do seguinte xeito a súa experiencia como participante no PIE por segundo ano consecutivo: “O ano pasado comecei o meu camiño, demostrándome que querer é poder e decidín, este novo ano, apostar por seguir formándome ata poder alcanzar o meu obxectivo final: un posto de traballo”.

Formación específica en varias frontes

Ao abeiro do PIE realizarase formación específica en comercio e alimentación, industria alimentaria e limpeza. A través destes cursos as persoas poderán realizar prácticas en empresas que desexen realizar convenios de colaboración.

Representantes das principais empresas tamén asistiron a presentación. Miguel Alamancos, director da Residencia de Maiores DomusVi, falou da importancia de este tipo de accións, pois son “unha fonte enriquecedora para os nosos centros”, xa que “unha porcentaxe moi alta das persoas que realizan prácticas, acaban quedándose con nós para sempre”. Tamén agradeceu o labor de Amicos polo seu “bo facer”, o “bo traballo” e a “calidade das súas formacións”.

Así mesmo, traballarase con todos os participantes habilidades para o emprego como comunicación, traballo en equipo, planificación e organización de tarefas, así como outras técnicas específicas de prevención de riscos laborais, novas tecnoloxías e idiomas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O océano non ten fronteiras” – Antón Luaces

“O océano non ten fronteiras” – Antón Luaces

Cando en novembro pasado se clausurou en Vigo a segunda edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar,  remarcouse esta carencia de fronteiras para salientar o empeño en lograr unha economía oceánica sostíbel como basamento da apicación das...

“O bispo demérito” – Xulio Xiz

“O bispo demérito” – Xulio Xiz

O bispo demérito (sic) de Alcalá de Henares, vén de relacionar a "discapacidade psíquica, intelectual ou física" (considérome afectado directo) cunha "herdanza do pecado" e a estas alturas aínda ninguén lle retirou o carné de conducir fieis, mitigar males ou redimir...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.