O Concello de Ribeira solicitou esta semana unha subvención da Xunta de Galicia coa finalidade de mellorar a área recreativa situada xunto ao colexio de Olveira.
Con esta axuda preténdese “mellorar tanto a parte destinada a parque infantil como a que opera como miradoiro cara o parque dunar”, sinalaron fontes do Consistorio, engadindo que na zona do parque recolocaranse aos xogos e dotarase aos mesmos dunha superficie de caucho continuo. Doutro lado, vanse substituír os actuais bancos de pedra por outros novos de madeira, instalar mesas de madeira tipo picnic e plantar árbores autóctonas.
Os traballos completaríanse colocando un panel con información ambiental explicativa do contorno. O orzamento total ascende a 48.888,58 €.
A achega pretendida enmárcase na orde do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2022, das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, co-financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Solicítase o 100% do custe subvencionábel, equivalente ao total do orzamento, excluído IVE, é dicir, 39.990,56 euros.
