“A mexilla non ten dono” – Antón Luaces

07 Febreiro 2022

Desde ben nenos, a xente da miña xeración agachapabamos (escalabamos) as rochas da Pedra Pateira, de Fontán, do Touro, de area Secada e outras praias de Ribeira, facendo apoios nas “piñas” da mexilla que se criaba nesas moles que eran para os mariñeiros referencias perfectas á hora de navegar. Falo de vai máis de 60 anos. E nunca ninguén me chamou a atención por usar a mexilla para coroar unha pedra (rocha) desde a que me guindar (“chupar”, diciamos) ao mar de cabeza (ou de cu). A mexilla, polo tanto, vai de seu nun espazo da miña vida que, sen embargo, non me permite entender que aínda agora a loita de intereses entre percebeiros e bateeiros chegue a uns estremos que nada bo agoiran para ese futuro que, necesariamente, han compartir si ou si.

O conflito da mexilla chegou a onde nunca pensei que puidera chegar: Rosa Quintana e Ethel Vázquez, conselleiras do Mar e de Infraestruturas, respectivamente, foron acurraladas e acosadas no INTECMAR de Vilaxoán o pasado venres. “Especialmente doloroso para min pola imaxe lamentable e errada que certas persoas se encargaron de proxectar”, dixo Quintana após un respiro tras o mal momento vivido.
Bateeiros e mexilloeiros que sempre viviron a expensas dunha mexilla que ninguén lles disputaba protagonizan desacordos que conducen a formulacións nunca ata o de agora vividas nas rías galegas.

Ata que o sector percebeiro alzou a súa voz contra dunha explotaciòn da mexilla polos bateeiros que a eles lles prexudica directamente porque os mexilloeiros aproveitan a mexilla para a cría e engorde do mexillón nas cordas das súas bateas sen ter en conta que a extración da mexilla significa danos sen conto para o percebe, especie que necesita de catro ou cinco meses de crianza para chegar á súa etapa adulta e, xa que logo, de cría no medio da mexilla. O que significa que a rasqueta que extrae a mexilla leva consigo a cría do percebe.

O venres pasado Vilaxoán foi testemuña dese mal paso que os bateeiros deron para facer valer as súas reclamacións “acurralando e acosando” a Rosa Quintana (que ía acompañada de Ethel Vázquez) a quen consideran culpable dos seus problemas.

Non houbo rectificación inmediata (que non sei se chegará en algún momento) por parte dos mexilloeiros, que calan coma petos. Arrepentidos, talvez, do acontecido. Mesmo avergoñados polo ataque a dúas mulleres -á marxe as súas responsabilidades institucionais- que se atoparon inmersas nunha violencia absolutamente inxustificada que, dou por suposto, as nais, fillas e mulleres dos bateeiros tampouco como mulleres deberan xustificar. Por máis que os manifestantes do venres acusaran á conselleira do Mar de “secuestro” da mexilla.

De “encerrona” e “ataque inaceptable” cualificaron o acontecido membros do PP como Pedro Puy, portavoz do PP de Galicia, e os presidentes das tres federacións provinciais de confrarías e o da Federación Galega de Confrarías. Penso que con razón, por máis que doa tal recoñecemento aos protagonistas do esperpento.

Cando todo semellaba estar encamiñado para o traballo en común dunha solución ao problema após as medidas anunciadas días atrás para que a negociación substitúa aos enfrontamentos verbais e o case ter chegado ao man a man, dáse ese mal paso en Vilaxoán que obrigou a dúas conselleiras do goberno galego a protagonizar o que nunca se vira na comunidade autónoma galega.

Non son quen para aconsellar, pero estou convencido de que non é coa violencia como se resolven estas cuestións de desacordos entre colectivos profesionais. O conflito non necesariamente debe pasar pola violencia para a súa resolución. Así se evidencia no rexeitamento amosado por distintas organizacións mariñeiras que deixan ben claro que o camiño non é a violencia, a ameaza e a coacción.

Os berros e insultos non levan ao entendemento e á solución, por máis que os apupos poidan contribuír en algún momento a liberar carga anímica. Proceder ao saneamento da ría é un paso, e outro válido vén ser a negociación a catro bandas -consellería, pósitos, mexilloeiros e percebeiros- libres de ameazas e berros.

A mexilla, como recurso, non é exclusiva dos mexilloeiros. Tampouco dos percebeiros. Ambos os colectivos a precisan. Búsquese, daquela, un punto de encontro acorden, que carallo. Porque o mar, as rochas e a mexilla son de todos. Non hai exclusivas.

Outros artigos

“Ayudas sociales: España y Europa” – José Castro López

Nadie discute la necesidad de las ayudas sociales propias de cualquier Estado moderno, lo que se discute es su diseño y sus efectos. En este sentido, España ofrece hoy un modelo diferencial cuando se compara con otros países europeos. En los últimos años, el sistema...

+

“Rúas de Lugo”. Xulio Xiz

Refírome ás de fóra, as que levan o nome da nosa cidade polo mundo adiante. Destas, entendo que debería haber un censo se é que non está feito, e esixir un mínimo nivel estético – tamén ético? – para outorgarlles o placet, ainda que me temo que iso é algo que ninguén...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Cada cousa é para o que é”. José Fernández Lago

“Cada cousa é para o que é”. José Fernández Lago

Ao rematar o verán, terminan as vacacións e tamén algunhas actividades complementarias, de xeito que os nenos saiban relacionarse entre eles e procuren axudarse uns aos outros a ser felices, e a asentar no que se poida o seu futuro. Os voluntarios de Cáritas remataron...

“Informe PISA, educar para la vida”. Alberto Barciela

“Informe PISA, educar para la vida”. Alberto Barciela

Cuando los fríos guarismos del último informe PISA vuelven a agitar los titulares con la cantinela de nuestras recurrentes carencias educativas, confirmamos que seguimos midiendo el rendimiento de las aulas con la precisión del contable pero con el desdichado desdén...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.