O Concello de Boiro vén de aprobar a execución dun Plan de Mobilidade (PMUS) sustentábel para o municipio. O obxecto deste proxecto é establecer “unha estratexia orientada á mellora da mobilidade local así como avanzar na súa competitividade e equidade, aumentando a seguridade e a calidade de vida dos cidadáns”. O PMUS serviralle á Administración boirense para acceder a determinadas axudas con cargo aos fondos Next Generation, permitindo tamén identificar as necesidades existentes de cada a planificar e coordinar aquelas actuacións que van favorecer a mobilidade e accesibilidade do municipio.

O estudo para o PMUS vaise levar a cabo en distintas fases, segundo informou o Concello, engadindo que a primeira delas será unha toma de datos, mostras e análises, para o que sa van instalar medidores de capacidade en distintas estradas do termo municipal e así cuantificar o número de vehículos e a súa tipoloxía. Amais, realizaranse enquisas á poboación, a centros de viaxeiros e de ensino e tamén a grandes empresas e ao sector comercial.
“O obxectivo que queremos levar a cabo coa elaboración deste Plan de Mobilidade é sentar as bases para traballar no aumento dos quilómetros de carril bici, a mellora da accesibilidade e impulsar a mobilidade sostible no municipio”, afirmou o alcalde José Ramón Romero. Os traballos de análise estenderanse durante os vindeiros catro meses e o documento resultante deberá ser aprobado polo pleno da Corporación.